Vence: "Non aceptamos a chantaxe de Alcoa nin a indiferenza dos Gobernos"

Vence: "Non aceptamos a chantaxe de Alcoa nin a indiferenza dos Gobernos"

alcoaA Coruña, 11 de decembro 2014.- Galiza é produtora excedentaria de enerxía, exporta o 40% ao resto do Estado a cambio de pagar un custe ambiental pero, lonxe de obter algún beneficio, paga a electricidade a prezos que duplican os de Alemaña ou Francia debido a un sistema “irracional” aos servizo do lobbie eléctrico.

Así o denuncia o portavoz nacional, Xavier Vence, tras a reunión cos traballadores e traballadoras da factoría nun encontro no que tamén participou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera. “Non podemos soportar nin a chantaxe de Alcoa nin podemos comprender a indiferenza do Goberno central e da Xunta con respecto ao futuro da industria siderúrxica e do aluminio no noso país”.

O Executivo “está actuando en beneficio do lobbie eléctrico madrileño e esquece a importancia da enerxía para a nosa industria fronte ao discurso cínico destes días de que o futuro pasa pola reindustrialización”, argumentou Vence, quen lembrou que unha ducia de ex [email protected] dos gobernos do PP e do PSOE foron contratados polas grandes eléctricas.

Con 400 empregos en xogo, o Bloque reclama un “acordo urxente e rápido” antes de de que finalice o ano, “para garantir un prezo competitivo da electricidade similar ao que teñen as empresas doutros países europeos.

“É inaceptable que o custe da enerxía eléctrica para as empresas en Galiza sexa o dobre que noutros países europeos e, polo tanto, compre unha decisión e unhas medidas urxentes para garantir o futuro de Alcoa, de Megasa e de todas as plantas intensivas en enerxía eléctrica que temos en todo o país, explica.

De cara ao futuro, o Bloque demanda unha tarifa eléctrica galega. “Galiza ten que beneficiarse do feito de ser produtora excedentaria con custes ambientais e sociais. O lóxico é que o país, tanto as familias como as empresas implantadas en Galiza, teñan unha tarifa en proporción aos custes de produción de enerxía eléctrica que son moito máis baixos que no resto do Estado”, alegou.

Vence subliñou que é posible “se hai capacidade negociadora da Xunta co goberno central, porque no País Vasco teñen unha tarifa diferenciada resultado da negociación. Por que en Galiza non, sendo produtores excedentarios é a gran pregunta á que debe responder o Goberno central e Feijóo, unha reivindicación que debemos poñer enriba da mesa para que estas plantas teñan futuro”.

O BNG presentou iniciativas no Congreso e no Parlamento, con interpelacións ao ministro de Industria e ao presidente da Xunta para que expliquen que medidas están barallando ante o posible peche de Alcoa e outras factorías con gran consumo enerxético.

Vence: "Non aceptamos a chantaxe de Alcoa nin a indiferenza dos Gobernos"