UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA PARA O PLENO DO 11A

Un ano despois, o Xardín do Observatorio continúa fechado ao público

Avia Veira e Francisco Jorquera diante do xardín do Observatorio
Avia Veira e Francisco Jorquera, diante do xardín do Observatorio nunha acción reivindicativa en xullo de 2021
Hai un ano a alcaldesa anunciou un acordo coa Axencia Española de Meteoroloxía AEMET para a apertura ao público do Xardín do Observatorio, un convenio cunha duración de catro anos que entrou en vigor o 1 de abril de 2023.
Un ano despois, o Xardín do Observatorio continúa fechado ao público

Estamos a falar de pór a disposición do barrio da Agra do Orzán -un dos máis densamente poboados de Europa- dunha superficie verde de 5.000 metros cadrados, para o que sería preciso o derrubo dos muros das rúas Canceliña e Páramo.

O problema é que desde aquela nada se fixo e o convenio está por activarse, denuncia a concelleira do BNG Avia Veira, quen vai levar este asunto ao Pleno deste xoves en forma de moción.

Veira remarca que existe partida orzamentaria para o derrubo dos muros despois de o BNG ter negociado a inclusión dunha partida nas contas do Concello para tal final.

A moción defende que, paralelamente á aplicación do convenio coa AEMET, se traballe para lograr un “acordo a longo prazo” que permita o “desfrute permanente” do xardín por parte da veciñanza.

E tamén ao mesmo tempo o BNG insta o Goberno Local a que elabore unha proposta urbanística “que satisfaga de xeito real as necesidades de zonas verdes da Agra do Orzán”, de forma que o Xardín do Observatorio, unha vez aberto ao público, sexa o xerme do Parque da Agra que tanto precisa o populoso barrio coruñés.

En contraste coa falta de dilixencia por parte do Goberno Local para dar cumprimento ao convenio coa AEMET sitúa Veira o compromiso “inquebrantábel· da Asociación Veciñal da Agra “que cada xoves se concentra diante deste Pazo Municipal para lle recordar á alcaldesa aquilo co que se comprometeu publicamente”.

 

 

 

 

Un ano despois, o Xardín do Observatorio continúa fechado ao público