O Goberno municipal págalle, ás agachadas, 318.975 euros a unha promotora

O Goberno municipal págalle, ás agachadas, 318.975 euros a unha promotora

A Coruña, 22 de marzo de 2013.- Na Xunta de Goberno Local desta mañá aprobouse a concesión dunha licenza a Coprosal, un expediente que evidencia o pagamento de 318.975 euros a esta promotora por unha hipotética responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña en relación á paralización das obras de reconstrución dun edificio na praza Almirante Romay e a perda de aproveitamento urbanístico como consecuencia da aparición dunha rede de saneamento nunha parte dos terreos que foran vendidos polo Concello no 2002.

Foron varias as ocasións en que o Grupo Municipal do BNG lle indiciou ao alcalde que non había que pagarlle nada a esta promotora por tales feitos. De feito as nacionalistas entregáronlle ao alcalde, en novembro de 2011, unha documentación que acreditaba que Coprosal non era propietaria da totalidade dos terreos e que dispuxo ilegalmente da posesión destes terreos, cando non podía facelo respecto de 22,67m2, superficie cativa pero fundamental, xa que se sitúa en parte da fachada e é edificábel.

O Grupo Municipal do BNG expón que despois de solicitar as licenzas (a de demolición previa das edificacións existentes e a posterior de obras para un edificio de 23 vivendas) comezaron as obras. Nese momento, un particular presentou un preito civil co fin de recuperar a posesión dos terreos. Tal e como solicitaba a promotora, o Concello autoriza a suspensión do cómputo dos prazos das licenza como consecuencia deste preito, e non pola aparición dunha rede de saneamento.

Finalmente, o preito rematou coa estimación da demanda deste veciño e obrigóuselle á promotora a repoñer o demolido e a devolver a posesión dos terreos á persoa denunciante. Deste xeito, a licenza de obras outorgada polo Concello non podía executarse, mais non pola aparición da rede de saneamento, senón pola indebida posesión duns terreos que foron ilegalmente ocupados por parte da promotora. É por isto que o Grupo Municipal do BNG xa advertira de que o Concello da Coruña non ten ningunha responsabilidade nin tiña que pagarlle nada a Coprosal. Por esta razón critica que o Goberno municipal, malia ter coñecemento de tales feitos, faga efectivo o pago de tal cantidade e, ademais, ás agachadas.

O Goberno municipal págalle, ás agachadas, 318.975 euros a unha promotora