O Goberno municipal modifica o regulamento dos comedores para beneficiar os colexios privados

O Goberno municipal modifica o regulamento dos comedores para beneficiar os colexios privados

A Coruña, 23 de marzo de 2013.- Tras debullar o programa "Comedores escolares curso 2013-2014" e as bases reguladores da concesión das súas bolsas, que foron aprobados en Xunta de Goberno Local o pasado venres, a concelleira nacionalista María Xosé Bravo critica que o Goberno municipal amplíe o número de persoas que poden solicitar as bolsas de comedor sen incrementar o orzamento.

Mentres o programa do curso 2012-2013 regulaba a concesión de bolsas de comedor para familias con menores ao seu cargo, matriculados en 2º ciclo de Educación Infantil (3 a 5 anos) e/ou en ensinanzas obrigatorias (Primaria e Secundaria, de 6 a 16 anos), o programa deste ano abrangue tamén aos Bacharelatos e aos Ciclos de Grao Medio de Formación Profesional. E isto, advirte Bravo, co mesmo orzamento que o ano pasado, 475.000 euros. "Cos mesmos cartos que no curso anterior, van ser menos as persoas atendidas por ampliar os posíbeis beneficiarios aos Bacharelatos e aos FP", expón a nacionalista.

Bravo denuncia que a medida beneficia os colexios privados da cidade

A concelleira do BNG pon de manifesto que "tendo en conta que os institutos públicos da cidade non teñen ningún comedor, van ser os colexios privados os que poidan beneficiarse desta ampliación das bolsas de comedor aos Bacharelatos e FP".

Ademais, a concelleira nacionalista advirte dun claro retroceso que prexudica as persoas menos favorecidas. E é que, en base ao aprobado polo Goberno do Sr. Negreira, as persoas con bolsa de comedor terá que aboar "puntualmente" a parte do importe do servizo de comedor escolar non financiada polo programa. E isto, malia que xa con anterioridade causaban baixa no servizo as persoas que debesen 2 cotas mensuais, ou que non presentasen os correspondentes recibos nos centros cívicos na cidade.

A concelleira do BNG anuncia a presentación dunha batería de iniciativas para coñecer a que se debe tal ampliación, canto alumnado de ESO escolarizado en centros públicos contou cunha bolsa de comedor neste curso e que previsión de alumnado de Bacharelato e FP escolarizado en centros públicos vai facer uso deste servizo.

O Goberno municipal modifica o regulamento dos comedores para beneficiar os colexios privados