POR MEDIO DUN ROGO ORAL PARA O #PLENODECEMBRO

Queixas empraza o Goberno Local a que convoque "canto antes" o Consello Escolar Municipal

MQZ
Mercedes Queixas departe con integrantes da ANPA do CEIP María PIta
É difícil de entender por que a estas alturas, comezos do mes de decembro, o Goberno Local aínda non ten convocado o Consello Escolar Municipal, tendo en conta que o curso académico principiou o pasado 11 de setembro.
Queixas empraza o Goberno Local a que convoque "canto antes" o Consello Escolar Municipal

É por iso que a concelleira nacionalista Mercedes Queixas rexistrou un rogo oral para a súa lectura no Pleno ordinario deste mes, a se realizar o xoves 14 de decembro.

“Cómpre que se convoque unha reunión do Consello Escolar Municipal, un órgano participativo de toda a comunidade educativa da cidade, para avaliarmos o estado en que se achan os centros de ensino públicos na Coruña”, remarca Queixas.

E a situación dista de ser óptima, subliña, ao tempo que dá conta de que varios centros educativos teñen protestado polas políticas de recortes sistemáticos que practica a Xunta e que, entre outras cousas, se teñen manifestado na eliminación de prazas de especialistas de educación especial, como por exemplo no CEIP María Barbeito ou no IES Ramón Menéndez Pidal.

Tamén sinala como “notarias” a falta de mantemento das infraestruturas, con varios colexios “cuxas edificacións son antigas e non dispoñen de espazos axeitados para o comedor escolar ou para práctica deportiva como é o caso do CEIP María Pita”.

O Consello Escolar Municipal, se for convocado, podería “avaliar a planificación das actuacións necesarias para a mellora da calidade do ensino público na Coruña” quer estas seren competencia do Concello quer da Consellaría de Educación.

Queixas demanda igualmente que se complete e actualice a información da web relativa ao Consello Escolar Municipal para a trasladar á cidadanía “como un verdadeiro espazo de participación”.

 

 

Queixas empraza o Goberno Local a que convoque "canto antes" o Consello Escolar Municipal