APROBACIÓN INICIAL DAS CONTAS DO CONCELLO PARA 2024

Jorquera cualifica os orzamentos de "ambiciosos" e, en resposta aos malos augurios do PP, destaca que si entrarán en vigor o 1X

Grupo municipal BNG. Pleno aprobación inicial orzamentos 2024.
O grupo municipal posa minutos antes do comezo do Pleno
O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria, deu luz verde este mércores 29N á aprobación inicial dos orzamentos do Concello da Coruña para 2024, cos votos favorábeis dos grupos municipais socialista e nacionalista e o voto en contra do PP.
Jorquera cualifica os orzamentos de "ambiciosos" e, en resposta aos malos augurios do PP, destaca que si entrarán en vigor o 1X

O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria, deu luz verde este mércores 29N á aprobación inicial dos orzamentos do Concello da Coruña para 2024, cos votos favorábeis dos grupos municipais socialista e nacionalista e o voto en contra do PP.

O proxecto de orzamentos foi negociado polo BNG co Goberno Local e as novas contas do Concello serán as primeiras desde 2015 que entren en vigor a 1 de xaneiro do exercicio correspondente.

Precisamente esta cuestión foi abordada por Francisco Jorquera no pórtico da súa intervención. Días atrás o PP deu por feita a imposibilidade de que os orzamentos estivesen listos para entrar en vigor a 1 de xaneiro. Nun comunicado público, o grupo municipal conservador afirmaba: “O 1 de xaneiro non haberá orzamento aprobado. Vendo o ritmo de traballo destes meses entre os dous socios, parece complicado, por non dicir imposíbel, que entren en vigor co ano”.

Pois ben, subliñou Jorquera no Pleno, “equivocáronse vostedes de plano” e, grazas á negociación sostida polo BNG, traducida no Acordo Político asinado o 24 de novembro polo portavoz nacionalista e a alcaldesa, A Coruña si terá novos orzamentos xa co comezo do ano, co cal, resaltou, “dáse cumprimento a un dos compromisos que figuran no Acordo de Investidura asinado entre os grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG”.

Captura de pantalla 2023-11-29 135018
Jorquera, durante a súa intervención

Iso, en si mesmo, é un logro “do que todos e todas deberíamos felicitarnos”, sendo que vimos de anos en que ou ben non había novos orzamentos, pois se prorrogaban, ou ben entraban en funcionamento xa ben avanzado o exercicio.

Son uns orzamentos que, alén de máis, “incorporan grande parte das propostas do BNG” e que se caracterizan, contra o afirmado polo PP, pola súa ambición.

“Falta ambición nuns orzamentos que son, con diferenza, os máis elevados da historia, cun incremento de 21% a respecto dos últimos aprobados? Falta ambición se temos en conta que rexistran un incremento particularmente significativo nos capítulos de investimentos até superar os 93 millóns de euros?”, preguntouse o portavoz nacionalista.

Si que hai ambición, nomeadamente en materia de vivenda, salientou Jorquera, quen a seguir puxo o acento en que se contemplan medidas como a promoción de moradas en alugueiro a prezo taxado e controlado polo Concello, co obxectivo de chegar ás 500 vivendas, a conversión de EMVSA nunha verdadeira empresa pública de vivenda, a posta en marcha dun programa de asesoramento a persoas inquilinas ou o impulso á rehabilitación.

Estas políticas activas contrastan co balance de xestión da Xunta na nosa cidade. “50 vivendas entregadas. Ese é o balance despois de 15 anos á fronte do Goberno galego”, criticou.

Ambiciosos tamén porque estes orzamentos “poñen os barrios no centro”, cun plan de investimentos, proposto polo BNG, “destinado á humanización do espazo público, coa dotación de novas infraestruturas e equipamentos, o incremento e mellora das prazas e corredores peonís, zonas verdes e áreas para xogos e o lecer, co necesario reforzo e mellora da limpeza, a posta en práctica dunha solución fronte á proliferación de fincas abandonadas e o impulso á rehabilitación integral dos barrios”. Un plan, polo demais, que é “froito da interlocución coas asociacións de veciños e o tecido social barrial”.

Son uns orzamentos que teñen tamén un marcado acento social, a contemplar “o inicio da redacción e implementación do Plan de Inclusión Social e o financiamento dos programas de prevención e loita contra a drogadicción, ao tempo que se impulsa o desenvolvemento do Plan de Saúde Mental”.

Estes orzamentos son ambiciosos porque “poñen os barrios no centro”, cun plan de investimentos, proposto polo BNG, “destinado á humanización do espazo público

As contas igualmente enfrontan as tarefas pendentes na área do medio ambiente, cunha dotación abonda para resolver a situación precaria en que se acha a concesión da planta de Nostián (co contrato caducado desde decembro de 2019) e para garantir que no futuro “se asegure unha redución substancial da porcentaxe de refugallos e o seu tratamento co menor impacto ambiental”.

A elaboración dun Plan Metropolitano de xestión do ciclo da auga, a ampliación das zonas verdes da cidade e a planificación dun grande corredor verde, a seguir o curso do Río Monelos, completarían as propostas en materia de medio ambiente.

A ambición alcanza tamén a mobilidade -cunha partida suficiente para o estudo do modelo de xestión do transporte público urbano, coa ampliación de horarios e intensificación das frecuencias, a elaboración dun novo Plan de Mobilidade Urbana, o desenvolvemento dun Plan de Accesibilidade Universal e a mellora do servizo de BiciCoruña-. E igualmente préstase moita a atención á cultura e ao deporte, cun Plan de Mellora dos Recintos Culturais e Científicos, a ampliación da rede de bibliotecas, o apoio ao sector do libro, a habilitación de axudas aos e ás artistas locais ou a elaboración dun Plan Director de Instalacións Deportivas, acompañado das partidas precisas para “asegurar o mantemento e a realización das obras de reforma e mellora necesarias nas piscinas municipais, na Cidade Deportiva da Torre Arsenio Iglesias e no resto dos complexos deportivos”.

Préstase moita a atención á cultura e ao deporte, cun Plan de Mellora dos Recintos Culturais e Científicos, a ampliación da rede de bibliotecas, o apoio ao sector do libro, a habilitación de axudas aos e ás artistas locais ou a elaboración dun Plan Director de Instalacións Deportiva

Non esqueceu na súa intervención destacar que no Acordo Político que posibilita a aprobación das novas contas do Concello tamén houbo espazo para cuestións extra orzamentarias, e así Jorquera fixo alusión ao inicio dunha nova negociación sobre a reversión do Concello do antigo cárcere provincial, ao impulso da creación da Área Metropolitana ou á articulación dunha solución para os terreos portuarios, “acompañada da proposta dun novo convenio e da esixencia da condonación da débeda da Autoridade Portuaria derivada da construción da dársena exterior”.

Nas súas críticas a este proxecto de orzamentos, o PP puxo en cuestión a capacidade do Goberno Local á hora de os executar en tempo e forma. “Señores do PP, lémbrenlle iso a Rueda polos orzamentos da Xunta”, replicou Jorquera, para a seguir enfatizar que “teñan a seguridade de que, desde a oposición, seremos os primeiros en vixiar o cumprimento destes orzamentos e en fiscalizar o seu grao de execución”.

No en tanto, resaltou, para que as contas se executen “primeiro é imprescindíbel que os orzamentos conteñan as previsións necesarias para atender as necesidades da Coruña e iso está garantido”.

“A Coruña necesitaba un novos orzamentos. E sobre todo uns bos orzamentos. E estes sono. Estou convencido de que con estes orzamentos quen gaña é A Coruña”, recapitulou Jorquera a modo de conclusión.

 

 

 

Jorquera cualifica os orzamentos de "ambiciosos" e, en resposta aos malos augurios do PP, destaca que si entrarán en vigor o 1X