O BNG agredece o convite á exposición de Picasso pero non asistirá pola presenza dos reis

O BNG agredece o convite á exposición de Picasso pero non asistirá pola presenza dos reis

invitacion_email. PICASSO 2jpgA Coruña, 18 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG, agradécelle ao Goberno do Sr. Negreira o convite de Xosé Manuel Carril, como portavoz do Grupo, á inauguración da exposición de Picasso “O primeiro Picasso. A Coruña 2015”, – acto que terá lugar mañá, ás 19h no museo de Belas Artes- pero anuncia que Carril non asistirá debido á presenza dos reis. A este respecto as nacionalistas sinalan que A Coruña, como cidade galega que é, é republicana e advirten de que a monarquía é un réxime incompatíbel co sistema democrático, por ser un réxime vitalicio e hereditario estabelecido pola graza de deus e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo, dado que aquí tamén foi pola graza de Franco.

En consecuencia, o BNG da Coruña anuncia a súa presenza na mobilización convocada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e convida o pobo a participar como mostra do rexeitamento á presenza dos monarcas na cidade e para reivindicar unha República propria na Galiza, unha nación que vén sufrindo con forza as consecuencias negativas que emanaron desde o centralismo estatal e que precisa ter a liberdade de decidir sen estar sometida a un modelo de estado esgotado.

Para o BNG os pasos cara o futuro están claros e pasan polo inicio de procesos constituíntes nas nacións que compoñen o estado español, que traten con valentía todas estas cuestións. Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego lembra que levou ao Congreso unha emenda de totalidade ao proxecto de lei orgánica de abdicación do rei –emenda que foi rexeitada- en que se reclamaba a celebración dun referendo consultivo para someter á decisión democrática un novo modelo político e institucional no que se recoñecese a soberanía das nacións e o dereito a decidir, ademais dun pronunciamento sobre a Xefatura do Estado.

 

O BNG agredece o convite á exposición de Picasso pero non asistirá pola presenza dos reis