O #PLENOMAIO APROBA, TAMÉN POR UNANIMIDADE, AS MOCIÓNS SOBRE VIVENDA E NOVO MESOIRO

A proposta do BNG e por unanimidade, o Pleno pide que se revise o convenio de 2004 para avanzar no deseño da futura fachada marítima

BNG Pleno Maio
A proposta do BNG e por unanimidade, o Pleno ordinario do mes de maio aprobou unha moción por medio da cal se insta o Goberno Local a que revise o convenio de 2004 e modifique o PXOM para avanzar no deseño da nova fachada marítima.
A proposta do BNG e por unanimidade, o Pleno pide que se revise o convenio de 2004 para avanzar no deseño da futura fachada marítima

A xuízo do portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, o convenio de 2004 permitía uns aproveitamentos urbanísticos -daba pé a unha pelotada inmobiliaria- que “en absoluto se corresponde ás necesidades da Coruña de hoxe”.

Na súa intervención, Jorquera subliñou que o Concello debe liderar o proceso que, co concurso do resto das administracións públicas, leve a cidade a deseñar a futura fachada marítima.

Ese deseño ten de ser participado pola veciñanza e nese sentido a Comisión Especial da Fachada Marítima -presidida polo propio Jorquera- está chamada a xogar un rol protagonista, coa comparecencia no seu seo de persoas expertas e entidades sociais con vistas a achegaren as súas visións e propostas.

Jorquera empraza tamén o Executivo coruñés a que tome a iniciativa para constituír un Consorcio ou ente análogo que pilote a transformación do porto interior. O BNG considera que hai un amplo consenso social sobre os elementos básicos da mudanza da fachada marítima: o mantemento da titularidade pública dos terreos, o aumento das zonas verdes (a estender os Xardíns de Méndez Núñez a Batería e Calvo Sotelo), a continuidade da actividade produtiva do porto -ligada á economía do mar- como motor da cidade e o aproveitamento da infraestrutura ferroviaria de San Diego para axudar a resolver os problemas de mobilidade da cidade e a comarca, coa creación dun intercambiador marítimo-ferroviario.

Moción sobre vivenda e Novo Mesoiro

O Pleno aprobou, tamén por unanimidade, as mocións do BNG sobre políticas de vivenda e demandas da veciñanza de Novo Mesoiro, defendidas, respectivamente, por Avia Veira e David Soto.

Veira emprazou o Executivo coruñés a que cumpra os acordos co BNG -o de investidura, o de orzamentos- e poña en marcha de vez o servizo de asesoramento a inquilinos da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), ao mesmo tempo que demandou a contratación dun estudo do parque inmobiliario da Coruña –“pois o feito no pasado mandato ficou obsoleto”- visando ter un coñecemento rigoroso do parque de casas baleiras da cidade.

Tamén fica pendente, resaltou, que o Goberno Local traia a Pleno “unha proposta de regulación das vivendas de uso turístico”.

Vendo a inacción do Goberno galego na materia, o BNG decidiu non aceptar a emenda que á súa moción lle formulou o grupo municipal do PP.

Canto á moción de Novo Mesoiro, incorporaba, explicou Soto, “as demandas que a veciñanza do barrio”, no que reside o propio concelleiro nacionalista, “nos ten trasladado”.

Demandas como a construción dun instituto de ensino secundario, a dotación dunha biblioteca municipal -para o que existe unha partida nos orzamentos do Concello negociada polo BNG- e un espazo para o lecer da mocidade -proposta aprobada nos orzamentos participativos de 2023.

 

 

 

 

A proposta do BNG e por unanimidade, o Pleno pide que se revise o convenio de 2004 para avanzar no deseño da futura fachada marítima