Imprimir

O BNG volve levar ao pleno unha revisión dos programas de Renda Social e Emerxencia Social

bng | 07 de febreiro de 2019

Avia Veira e Paco Jorquera, durante a reunión en Viraventos.
Avia Veira e Paco Jorquera, durante a reunión en Viraventos.

As nacionalistas queren saber se a área de Xustiza Social ten previsto impulsar modificacións nas ordenanzas de Renda Social e Emerxencia Social.

Despois de completar unha serie de encontros con entidades do terceiro sector, o BNG constata que os colectivos en situación de vulnerabilidade seguen sen recibir a atención que demandan as traballadoras e traballadores sociais e entidades sen ánimo de lucro que colaboran neste ámbito co Concello. As queixas máis habituais é que a resposta da Administración local é lenta e os servizos que se prestan fican sen avaliar en moitos casos.

 

Diante desta situación, o BNG decidiu volver levar ao pleno unha pregunta sobre as ordenanzas de Renda Social e Emerxencia Social. As nacionalistas cuestionan tanto as esixencias, “moi difíciles de cumprir”, para acceder á Renda Social como a redacción da ordenanza que impide ser beneficiario desta transferencia “cando se está en situacións recollidas baixo a ordenanza de Emerxencia Social”.

 

As nacionalistas queren saber se a área de Xustiza Social ten previsto impulsar modificacións nestas ordenanzas antes de que remate o seu mandato.

 

Avia e Paco en Viraventos (1)Con Viraventos

Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, e Avia Veira, concelleira e número dous na lista, continúan a súa serie de entrevistas con entidades sociais para coñecer as necesidades de cada barrio e as demandas de atención prioritaria. Estes días conversaron coas responsábeis de Viraventos, unha ONG que traballa fundamentalmente con mulleres das comunidades inmigrantes na zona da Sagrada e Os Mallos, a Agra e O Ventorrillo, e Os Mariñeiros e Lavañou.

 

Estas son algunhas das demandas reiteradas por parte das organizacións ao Concello que volveron aparecer na conversa con Viraventos:

Infancia. Aconsellan reformular o Programa de atención a menores de idade para que funcione con proxectos educativos individualizados e suxeitos a avaliación. Garantir que todas as nenas e nenos e adolescentes teñan acceso a actividades extra-escolares e culturais e deportivas independentemente da súa situación económica.

Vivenda. Promover actuacións para conseguir o acceso e permanencia en vivendas de alugueiro das familias migrantes en situación de vulnerabilidade social.

Pobreza. Reclaman que o Concello someta a avaliación cada convenio que con entidades sociais para atender necesidades básicas como a alimentación, a roupa, as medicinas ou outras axudas de emerxencia social non municipais. Piden separar esta prestación de servizos das institucións de caridade.

Renda social. Piden que se reduzan os tempos de tramitación da Renda Social Municipal e da AES (axuda de emerxencia) até un período non superior a un mes.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-volve-levar-ao-pleno-revision-programas-renda-social-emerxencia-social/20190207103221008165.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal