NINGÚN COMPROMISO PARA ELABORAR NO PRAZO MÁIS BREVE POSÍBEL UN MODIFICATIVO QUE CONTEMPLE TODAS AS FACTURAS PENDENTES

En resposta ao BNG, o Goberno Local admite que no IMCE hai cuestións orzamentarias a corrixir e servizos "sen cobertura contractual"

Captura de pantalla 2024-05-02 133334
No IMCE hai “cuestións de xestión” orzamentaria a corrixir e servizos que “efectivamente se contrataron sen a cobertura contractual”, pero con “solicitudes de orzamento e informes de necesidade”.
En resposta ao BNG, o Goberno Local admite que no IMCE hai cuestións orzamentarias a corrixir e servizos "sen cobertura contractual"

Así o afirmou o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, ao ser inquirido ao respecto pola nosa concelleira Mercedes Queixas.

“Si que pode ter habido unha xestión orzamentaria insuficiente debido a unha hiper-inflación da produción de eventos e o aumento dos cachés”, admitiu Castro.

“Hai que corrixir cuestións orzamentarias no IMCE? Si, mais é rotundamente falso que haxa contratos verbais na Coruña como se ten publicado nos medios”, dixo, afirmación que atopa un fácil desmentido se se le o informe do interventor que se achegou ao Consello Reitor do IMCE e que si recolle a existencia deses contratos verbais.

O propio Gonzalo Castro incorreu a seguir nunha contradición ao relacionar as distintas modalidades contractuais do IMCE. “Hai contratos xa rematados que se seguen prestando co prezo do contrato -como pasa con moitos servizos- hai contratos en vigor e hai servizos que efectivamente se contrataron sen a cobertura contractual, pero con solicitudes de orzamento e informes de necesidade”.

Pero é que ademais na propia memoria do IMCE que se someteu á consideración do seu Consello Reitor o concelleiro de Fomento e Promoción da cidade recoñecía que se fixeran gastos sen crédito e sen contrato, constituíndose por tanto como “actos irregulares”.

Vista a resposta do concelleiro responsábel do IMCE, o BNG lamenta que non anunciase o compromiso do Goberno Local de elaborar á maior brevidade posíbel un modificativo de crédito que contemplase todas as facturas pendentes de pagamento (por un importe, no mínimo, de 3,6 millóns de euros) e que dotase a entidade de recursos suficientes para financiar a programación cultural e as festas do verán neste 2024.

“O concelleiro non nos explicou por que se enviou ao Consello Reitor un modificativo que deixaba sen pagar 1,1 millóns de euros en facturas. A día de hoxe aínda ignoramos cantas facturas fican sen pagar”, salientou Queixas.

Deixar ese monte de facturas sen pagar é condenar á “asfixia económica” a un grande número de traballadoras e traballadores da cultura na cidade, “na súa grande maioría pemes e autónomos”, engadiu.

 

En resposta ao BNG, o Goberno Local admite que no IMCE hai cuestións orzamentarias a corrixir e servizos "sen cobertura contractual"