FEMINISMO

Queremos xa un Estatuto de Vítima do Feminicidio

Momentos previos á rolda de prensa onde se deu conta da presentación da moción
Momentos previos á rolda de prensa onde se deu conta da presentación da moción

Presentamos unha moción a prol da ampliación da acreditación por violencia machista, da creación do estatuto do feminicidio e da toma de medidas contra as consecuencias sobre as mulleres da desigualdade económica

Dimos conta da iniciativa diante da Xefatura Superior da Policía da Avenida do Porto despois de que desde o mes pasado se pechara a atención ao público polas tardes da oficina de atención ás mulleres vítimas da violencia machista e denunciamos que “non se lles pode poñer horarios as vítimas do Feminicidio, as vítimas da violencia machista” cualificando esta redución dos horarios como “totalmente intolerábel”

Queremos xa un Estatuto de Vítima do Feminicidio

Vimos de presentar unha moción ao Pleno de novembro a prol da ampliación da acreditación por violencia machista, da creación do estatuto do feminicidio e da toma de medidas contra as consecuencias sobre as mulleres da desigualdade económica.

Propoñemos coa presentación desta iniciativa que se aprobe instar a Xunta de Galiza a trasladar ao goberno do Estado a necesidade de modificar a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, introducindo o termo Feminicidio e iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de Vítima de Feminicidio.

E vimos de dar conta desta iniciativa diante da Xefatura Superior da Policía da Avenida do Porto, despois de que desde o mes pasado se pechara pola tarde a oficina de atención ás mulleres vítimas da violencia machista.

Momento da rolda de prensa con Avia falando dos acordos que se propoñen na MociónNas palabras da nosa compañeira Yolanda Naya, responsábel de Acción Feminista do BNG da Coruña “non se lles pode poñer horarios as vítimas do Feminicidio, as vítimas da violencia machista. Esta redución dos horarios é totalmente intolerábel”, que xunto coa nosa concelleira Avia Veira e outras varias compañeiras participaron desta comparecencia pública.

Entendemos que, aínda que se ten avanzado nos últimos anos en visibilizar e erradicar a violencia machista en todas as súas formas e en todos os ámbitos, queda moito por facer e a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política para todos os espazos da actividade política e social, e que esta loita segue sendo insuficiente en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos e que cómpre avanzar e mellorar os marcos legais e realizar un labor preventivo e educativo maior.

Por último, a iniciativa tamén inclúe aprobar a proposta de iniciar os traballos para modificar da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero para incorporar a regulación do feminicidio e o estatuto de protección das vítimas do feminicidio  e instar a Xunta a promover, en diálogo coas organizacións sociais, medidas para contrarrestar a violencia económica sobre as mulleres e á rescisión dos contratos da Xunta coas empresas que non cumpran a igualdade salarial e laboral entre homes e mulleres, dando finalmente trasladado de todos estes acordos ao presidente da Xunta de Galiza e ao do Goberno do Estado.

A Coruña, 4 de novembro de 2016.