O Goberno municipal non executou 4,9 millóns en emprego e 1,01 millóns en comercio

O Goberno municipal non executou 4,9 millóns en emprego e 1,01 millóns en comercio

A Coruña, 7 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera intolerábel que o Goberno do Sr. Negreira deixara sen executar 4,9 millóns en materia de fomento do emprego e 1,01 millóns en comercio, malia que en ambos os casos, as partidas iniciais foran incrementadas a través de modificativos de crédito. Así, tal e como reflicte a liquidación do orzamento de 2012, a partida para fomento do emprego, que contaba cun orzamento inicial de 23,8 millóns, foi aumentada en 3,8 millóns ao longo do ano e, rematado o exercicio económico, quedaron sen gastar 4,9 millóns. E isto, sinalan as nacionalistas, nunha cidade con 24.282 persoas en situación de desemprego.

Ademais, a partida de comercio, que contaba cun orzamento inicial de 2,05 millóns, foi aumentada en 319.614 euros, co fin de, en palabras do Goberno municipal, “dinamizar el comercio”. Porén, o Goberno do Sr. Negreira deixou sen executar 1,01 millóns. A ver como lle explica a Sra. Cid as comerciantes que lle sobrou 1,01 millóns, malia saber que o consumo se atopa en caída libre por culpa dos recortes do Partido Popular nas diferentes Administracións.

Tamén son escandalosas, advirten as nacionalistas, as contas da área de servizos sociais, unhas contas que evidencian que a “blindaxe” da que presumía o PP era propaganda baleira de contido. En servizos sociais, área que contou cun orzamento definitivo de 22,8 millóns, o Goberno municipal deixou sen executar 3,7 millóns, cifra que case coincide coa suma dos incrementos dos modificativos, 3,6 millóns. O gasto comprometido real desta partida foi, finalmente, de 19,8 millóns, cifra, tamén curiosamente, moi semellante ao orzamento inicial, 19,2 millóns. O Grupo Municipal do BNG considera irresponsábel deixar sen gastar, só na área de servizos sociais, 3,7 millóns, nunha cidade con 24.282 persoas desempregadas e na que máis do 20% da cidadanía se atopa en risco de exclusión social.

O Goberno municipal non executou 4,9 millóns en emprego e 1,01 millóns en comercio