Xa é tempo de comezar as obras nos mercados municipais

Exrterior do mercado de Santo Agostiño
Exrterior do mercado de Santo Agostiño
Xa é tempo de comezar as obras nos mercados municipais

Vimos de reclamar esta mañá que se comecen a executar canto antes as partidas incluídas nos orzamentos municipais destinadas a mercados municipais.

Reclamamos que se comece a executar de xeito inmediato as partidas orzamentarias destinadas aos mercados municipais 

Exterior do mercado de Santa Lucía

Xa desde o mandato anterior vimos denunciando o estado de abandono dos mercados municipais, sobre todo os de Santa Lucía e de Monte Alto, polo que a ninguén debe sorprender, a estas alturas, que a situación que están a vivir moitas praceiras e praceiros é moi preocupante.

Deste xeito, cremos que manter a actividade nos mercados municipais debe ser un obxectivo prioritario do Goberno municipal e que a situación denunciada onte polas praceiras e praceiros de Santo Agostiño pola caída de cascallos, poñen en evidencia que as denuncias de abandono que vimos realizando durante todos estes anos son reais e amosan até que punto a situación chega a ser insostíbel en varios dos mercados municipais.

Como viñamos advertindo desde o mandato anterior non se pode demorar durante máis tempo as actuacións nos mercados municipais: o seu abandono e deterioro é evidente polo que urxe actuar de xeito inmediato se queremos que manteñan a actividade

Cuberta da praza do mercado de Monte Alto, onde se prometeron actuacións por 3,8 millóns de euros para 2017

Non é novo: vímolo advertindo desde hai anos. As situacións de varios dos mercados municipais son moi preocupantes, desde xa o mandato anterior do Partido Popular. Nomeadamente temos presentado iniciativas no anterior e neste mandato a respecto da súa situación, e en particular sobre as situacións de Santa Lucía, Monte Alto e Santo Agostiño, e lembramos que grazas ás nosas achegas se aumentou a partida final que vai ir destinada ás reformas e rehabilitación dos mercados. Por tanto esiximos que se comece a xestionar esta partida e se comecen a facer as obras de reformas e rehabilitación que tanto necesitan estes mercados.

Deste xeito sinalamos que as boas palabras destes días, no que se anunciou, por exemplo, un investimento de 3,8 millóns de euros para ano 2017 para o mercado de Monte Alto, e das que as e os comerciantes e demais entidades presentes nel non teñen coñecemento de proposta algunha, ou as actuacións anunciadas no primeiro trimestre deste ano para Santa Lucia, acompañado tamén para o 2017 coa construción definitiva dun centro de saúde, son, nin máis nin menos que anuncios, e que o que se necesita son actuacións inmediatas, xestión, e comezar a facer as obras que tanto se precisan.

Hai que lembrar que grazas as nosas achegas se aumentaron no orzamento municipal as partidas destinadas as obras nos mercados polo que esiximos que se comece canto antes a xestionar eses cartos para a súa reforma, rehabilitación e reparación

Exrterior do mercado de Santo Agostiño

Non é casual que nós apostemos polos mercados municipais da nosa cidade. É comercio de proximidade, pequeno e mediano comercio, que xera traballo e emprego onde se necesita, que repercute directamente nas persoas e que dá vida aos barrios e á veciñanza. No entanto sega o Goberno municipal sen executar os investimentos nos mercados seguira o seu devalo. Neste sentido esiximos que se comecen a executar as obras necesarias para a súa rehabilitación e manteña unha constante comunicación coas praceiras e praceiros, algo, que nos consta, non se está realizando.

A Coruña, 15 de xullo de 2016