ORZAMENTOS MUNCIPAIS

Uns orzamentos da Marea apóstatas das súas promesas

Para nós, estes orzamentos de 2018 son os orzamentos da renuncia da Marea Atlántica a unha parte importante do seu programa electoral

É paradigmático que o Goberno Local reduza a partida da Renda Social Municipal no canto de mantela e estudar cales son os seus fallos de cara a  mellorar a ordenanza para que esta axuda chegue a máis xente

Salientamos o paradoxo de que non estea orzamentado ningún tipo de reforzo nos servizos públicos municipais –nin vía remunicipalización nin vía aumento de persoal- e que si suban en 1,8 millóns de euros as partidas en externalizacións

Abstémonos na aprobación inicial do orzamento, o cal tentaremos mellorar no período de exposición pública en tres eidos fundamentais: o da xustiza social, o da mobilidade e o da rexeneración dos barrios

Uns orzamentos da Marea apóstatas das súas promesas

En rolda de prensa de valoración dos orzamentos de 2018 avanzamos que nos absteremos na aprobación inicial do orzamento, para tentar melloralo posteriormente no período de exposición pública en tres eidos fundamentais: o da xustiza social, o da mobilidade e o da rexeneración dos barrios.

Cremos que son uns orzamentos nos que a Marea Atlántica renuncia a unha parte importante do seu programa electoral. Así, na comparecencia aos medios debullamos o que, ao noso parecer, son estas renuncias do programa electoral da Marea Atlántica reflectidas no propio orzamento.

Canto á xustiza social, resulta paradigmática a baixada da partida da Renda Social Municipal que pasa de 1,6 millóns de euros a tan só 1 millón de euros. É incomprensíbel que o Goberno local reduza esta partida no canto de manter a súa contía e de estudar cales son os seus fallos de cara a mellorar a ordenanza e que esta axuda chegue a moita máis xente.

Avia Veira momentos previos á rolda de prensa de valoración de orzamentos

E o colmo das renuncias ao seu programa electoral e, case o que é peor, o colmo da desatención a unha necesidade política da cidade é a eliminación da partida para elaborar un Plan de Inclusión Social que permita ter unha fotografía da situación social, coordinar todos os servizos do Concello e as ferramentas con que este conta para melloralas ou realizar as modificacións oportunas de cara a acadar unha cidade máis igualitaria e unha mellor atención dos Servizos Sociais”, critica Avia Veira.

No que ten a ver coa mobilidade, da análise do orzamento municipal dedúcese que o Goberno Local limita a súa aposta pola mobilidade exclusivamente á promoción da bicicleta mais que ten pensado deixar o transporte público colectivo tal e como está, sen novidades para o transporte público colectivo mais aló do mantemento da partida de 8 millóns de euros para a subvención do bonobús e do pagamento do convenio de 2017 Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona pola elaboración dun novo mapa das liñas de autobús, cuxo contido é descoñecido.

Non hai no orzamento municipal unha aposta pola mudanza integral do transporte público colectivo na nosa cidade, o único que é de accesibilidade universal, no que muden as frecuencias, horarios, rutas, carril bus, unha xestión diferente da tarxeta Millenium ou a aposta definitiva por un modelo de xestión directamente público senón que se limita á xestión rotineira da prórroga da Compañía de Tranvías.

O Goberno Local demostra con estes orzamentos non ter ideas para mudar o espazo público da cidade máis aló de contados casos de obras cuxa execución irá alén do ano 2018, como as dos mercados. Amais das obras de mantemento de beirarrúas e pavimento, que son precisas, cremos que é importante actuar en todos os barrios, porque son necesarias actuacións que aumenten os espazos para os peóns, que eliminen os tráficos innecesarios, e que transformen a vida dos barrios, que sirvan para a súa revitalización e que fagan aflorar o comercio.

En relación aos servizos públicos municipais, salientamos a renuncia do Goberno Local a reforzar os servizos públicos xa que non só non se preve ningunha remunicipalización senón que aumentan en 1,8 millóns de euros as partidas para estudos e traballos técnicos, contratos e outros traballos realizados por outras empresas e profesionais.

Por ultimo, fixemos tamén referencia na rolda de rensa a que as contas do Instituto Municipal Coruña Espectáculo (IMCE) revelan unha aposta do Goberno Local das festas fronte á programación cultural. Deste xeito, sinalou o Bloque, que o orzamento de gastos deste organismo autónomo recollen a previsión de gasto de 2,4 millóns de euros en festas fronte aos 1,8 millóns de euros que se pensan investir en programación cultural: unha diferenza de 600.000 euros.

Cando en 2015 apoiamos a investidura de Xulio Ferreiro como alcalde da Coruña dixemos que o noso labor de oposición consistiría en que asegurar que o cambio de políticas en atención ás maiorías sociais da nosa cidade se producise realmente. Con este orzamento, entendemos que a Marea Atlántica está a renunciar a unha parte importante do seu compromiso programático e, polo tanto, ao cambio prometido por iso imos tentar melloralo presentando propostas de modificación do orzamento centradas en tres eidos fundamentais: o da xustiza social, o da mobilidade e o da rexeneración dos barrios”, conclúen desde o BNG.

 

A Coruña, 28 de decembro de 2017.

 

Noticias relacionadas: