ESPOLIO DA CIDADE

O engano e mentira do Goberno da Marea en menos de 24 horas: permite a venda da Solana e Finisterre

Parcarta da Comisión Aberta en Defensa do Común colocada onte no salón de plenos durante a celebracion da Asemblea Cidadá
Parcarta da Comisión Aberta en Defensa do Común colocada onte no salón de plenos durante a celebracion da Asemblea Cidadá

Logo do lamentábel silencio do Executivo local na Asemblea Cidadá de onte, na que máis de 60 entidades reivindicamos a devolución gratuíta dos terreos portuarios, as declaración de Xiao Varela desta mañá (podes escoitalas premendo aquí vía Radio Coruña) confirman o cambio cromos que o Goberno municipal leva máis dun ano facendo xunto coa Autoridade Portuaria, negociando as agochadas e en contra dos intereses do pobo da Coruña

Cualificamos inadmisíbel a postura do concelleiro de Rexeneración Urbana e entendemos como un acto de covardía que non fixera as declaracións onte na Asemblea Cidadá que si hoxe realizou para os medios de comunicación

Faremos todo o necesario para que os acordos tomados onte na Asemblea se efectivicen

De se consumar esta venda, entendemos que o Goberno da Marea será cómplice do espolio da cidade, e quedará retratado ao carón e da man da Autoridade Portuaria

O engano e mentira do Goberno da Marea en menos de 24 horas: permite a venda da Solana e Finisterre

Amosamos incredulidade e estupefacción despois de escoitar as declaracións realizadas esta mañá polo concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, nas que admite que o Concello vai a pagar polas parcelas da Solana e do Hotel Finisterre, xusto despois da convocatoria da Asemblea Cívica celebrada onte no salón de plenos.

Neste sentido, entendemos que o Goberno municipal enganou e mentiu ao pobo e á veciñanza da Coruña durante todo este proceso e confírmase, lamentabelmente, que estivo e está a realizar un “intercambio de cromos”, tal e como xa advertiamos en maio de 2016.

Instalacións da Solana co Hotel Finisterre ao Fondo

Naquela altura, sinalabamos a nosa preocupación pola negociación establecida polo concelleiro de Rexeneración Urbana sobre o feito consumado da venda das parcelas da Solana e o Hotel Finisterre que a Autoridad Portuaria lle estaba a impoñer, e entendiamos que agochaba, dada a actitude amosada polo Goberno municipal despois da reunión que Xiao Varela mantivera o 30 de marzo de 2016 con representantes de Portos do Estado, unha operación de “intercambio de cromos” permitindo esa venda a cambio da cesión doutros terreos.

Logo do lamentábel silencio do Executivo local na Asemblea Cidadá de onte, na que máis de 60 entidades reivindicamos a devolución gratuíta dos terreos portuarios, as declaración de Xiao Varela desta mañá confirman ese cambio cromos que o Goberno municipal leva máis dun ano facendo xunto coa Autoridade Portuaria, negociando as agochadas e en contra dos intereses do pobo da Coruña.

Para nós, a decisión do Goberno municipal de aceptar a venda e mesmo pagar pola compra das parcelas da Solana e do Hotel Finisterre, financiando con elo pola porta de atrás o porto exterior, é unha traizón á vontade popular expresada onte unanimemente na Asemblea Cívica, e consideramos que de se consumar esta venda, o Goberno da Marea será cómplice do espolio da cidade, e quedará retratado ao carón e da man da Autoridade Portuaria.

Vista do Hotel Finisterre desde a avenida do Parrote

Asemade, entenden que Xiao Varela actuou con covardía xa que logo non fixo as declaracións na Asemblea Cidadá, agochando as verdadeiras intencións do Goberno municipal, algo que cremos que o inhabilita para o futuro como interlocutor en calquera proceso que se dea, sexa na área de urbanismo, rexeneración urbana ou vivenda.

Por último, advertimos que faremos todo o necesario para que os acordos tomados onte se efectivicen.

Parécenos imperdoábel que o Goberno municipal renuncie a loitar polo que é propiedade de todas e todos. Nun momento onde é evidente a sensibilidade social a respecto do continuo espolio que sufriu a cidade nas ultimas décadas, tendo o apoio dunha plataforma cidadá formada por 60 entidades e asociacións e xusto despois de ter celebrado unha Asemblea Cívica na que participaron máis de 150 persoas representando a eses colectivos. E renuncia sen ter pasadas 24 horas desta, e da cal saíu o compromiso de realizar unha grande manifestación para principios de abril e de celebrar unha consulta popular solicitando a devolución gratuíta. Ignora todo, sáltase a vontade popular expresada onte por todas e por todos os presentes, actuando a traizón e colocándose do lado da Autoridade Portuaria e dos seus intereses.

 

A Coruña, 23 de febreiro de 2017

Artigos relacionados