Estase realizando un "cambio de cromos" a conta da venda da Solana-Finisterre?

Estase realizando un "cambio de cromos" a conta da venda da Solana-Finisterre?

A Coruña, 10 de maio de 2016.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de vergoñenta e inadmisíbel a posta á venda do Hotel Finisterre e a Solana despois de se anunciar a previsíbel aprobación da enaxenación de bens desafectados de dominio público polo consello de administración da Autoridade Portuaria.

Veira: “Consumarase o que xa advertiriamos en 2014: o pelotazo urbanístico que supuxo a modificación na cualificación urbanística e o cambio de dotacional público a dotacional privado dos terreos onde se sitúan o hotel Finisterre e A Solana no PXOM aprobado definitivamente polo Partido Popular”

Panorámica da Solana (en primeiro plano) e o hotel Finisterre

Deste xeito, o Bloque sinala que desgrazadamente se confirman as súas advertencias, realizadas en outubro de 2014, naquela altura no mandato do Sr. Negreira e do Partido Popular, no que daban conta do que supoñía a aprobación da modificación da cualificación urbanística e o cambio de dotacional público a dotacional privado dos terreos da Solana e o Hotel Finisterre no PXOM e, neste sentido, tamén motivou que o BNG recorrera o PXOM ante os tribunais, entre outras cuestións.

“Lembramos que o cambiazo en cuestión atinxiu á cualificación do solo desas parcelas, previstas inicialmente de dotacional público, e que no proceso de elaboración e finalmente de aprobación do PXOM o Partido Popular pasou a cualificar de dotacional privado. Así, a cualificación cámbiase no PXOM aprobado provisionalmente en agosto de 2012, onde estes case 30.000 m2 de superficie aparecen, de súpeto, e sen xustificación aparente, cualificados como dotacional privada. A aprobación definitiva do PXOM polo PP en 2013 mantivo a cualificación o que supuxo todo un pelotazo urbanístico para beneficio da Autoridade Portuaria e co obxecto de resolver os seus problemas económicos”, indica a concelleira nacionalista Avia Veira.

O Grupo municipal do BNG pregúntase cal vai ser actitude do Goberno municipal a respecto dos proceso de especulación urbanísticos que están realizando na nosa cidade as Administracións do Estado e esixe contundencia na defensa dos intereses das veciñas e veciños da cidade

Vista do Hotel Finisterre desde o Paseo do Parrote

Neste sentido, o Grupo Municipal do BNG pregúntase pola actitude que o Goberno municipal a respecto dos movementos de especulación urbanística aos que está asistindo a cidade durante os últimos meses, xa que logo, denuncian, para o Estado español “A Coruña é unha torta a dividir en múltiples anacos dos que se queren aproveitar”.

“A Maestranza, os terreos da Solana e Hotel Finisterre, a estación intermodal e os terreos da actual estación de autobuses, ou os peiraos interiores son exemplos claros que amosan que a Administración do Estado ve a nosa cidade como unha oportunidade de negocio de onde sacar tallada constantemente. É máis que evidente que existe, por parte do Estado, unha operación de posta en venta por anacos do patrimonio público da cidade que denunciamos e reprobamos”, advirte Veira.

É por iso que o BNG esíxelle ao Goberno municipal que actúe en consecuencia coa defensa dos intereses das coruñesas e coruñeses, mais indican que “tendo en conta os antecedentes, desconfían que se teña unha actitude contundente e firme coas Administracións do Estado”.

“Tememos que o Goberno municipal estea realizando un «intercambio de cromos» con Autoridade Portuaria derivada da reunión mantida o 30 de marzo entre representantes do Concello e Portos do Estado” sinalan as nacionalistas

Así, as nacionalistas lembran que no Pleno de abril preguntaron, xustamente, polas medidas que tiña pensado adoptar o Executivo local para evitar a operación especulativa de venda dos terreos onde se sitúan o Hotel Finisterre e a Solana. E lembran que o propio concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, no chegou a contestar á pregunta en ningún momento e non concretou actuación algunha por parte do Goberno municipal. Unicamente aludiuse a que «a decisión sobre os terreos onde se sitúan o Hotel Finisterre e a Solana, encadrase dentro dun debate máis amplo, que define a relación futura da cidade co seu porto interior» e citou á reunión mantida o 30 de marzo entre representantes do Concello e Portos do Estado onde sinalou que «se conseguiu abrir o melón, o do futuro dos peiraos do porto interior» a respecto dos convenios asinados no 2004, mais sen dar a coñecer en que termos se producirá esa «negociación»”.

“Parécenos alarmante que o concelleiro de Rexeneración Urbana parta da base de que se pode negociar sobre o feito consumado da venda da Solana e o Hotel Riazor. Tememos que a contestación do Goberno municipal agoche unha operación na que se estea realizando un «intercambio de cromos» permitindo esa venda a cambio da cesión dos terreos dos peiraos interiores”, conclúe Avia Veira.

 

Artigos relacionados