O BNG DEFENDERÁ O 5N UNHA MOCIÓN PARA REVITALIZAR ESTA RAMA DA ECONOMÍA CORUÑESAJ

Un plan para superar a crise do pequeno comercio

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai propor no pleno do vindeiro xoves 5N que o Goberno Local impulse un plan de promoción, revitalización, modernización e diversificación do pequeno comercio.
Un plan para superar a crise do pequeno comercio

Jorquera argumenta, no texto dunha moción, que o pequeno comercio debe ter a consideración de “sector estratéxico” dada a súa “importancia na xeración de emprego, no fomento da economía de proximidade e dun consumo responsábel” e tendo en conta tamén “o seu impacto na calidade do espazo urbano”.

Mais ese sector estratéxico está a sufrir unha profunda crise que ten como causas, entre outras, “a proliferación de centros comerciais, a competencia das grandes cadeas e da venda on line”. Como consecuencia, nos últimos dez anos terían fechado na nosa cidade por volta de 800 pequenos comercio, “case a cuarta parte do noso tecido comercial”.

Jorquera entende que o apoio ao pequeno comercio debe formularse a partir dunha concepción transversal das políticas públicas. “A aposta por un espazo urbano de calidade, a mellora da mobilidade e accesibilidade, a integración da nosa oferta comercial na promoción turística son políticas que inciden na revitalización do pequeno comercio”, considera.

É por todo isto que o BNG propón un plan que contemple as seguintes medidas:

1.-Elaboración dun censo de locais baleiros da cidade.

2.-Criación dun banco de locais baleiros co obxecto de os ofertar en aluguer a prezo taxado.

3.-Impulso ao labor de asesoramento e formación.

4.-Integración do pequeno comercio nun plano de urbanismo e de mobilidade sustentábel.

5.-Aplicación de planos coordinados de promoción do turismo e do comercio local.

6.-Promoción dunha imaxe de marca que poña en valor a nosa gastronomía. A Coruña como sede de eventos gastronómicos.

7.-Revitalización dos mercados municipais.