DEREITOS LABORAIS

O Goberno da Marea desaparecido ante a vulneración de dereitos laborais de Ferrovial

Momento da reunión que mantiveron parte do cadro de persoal de Ferrovial e a nosa concelleir Avia Veira
Momento da reunión que mantiveron parte do cadro de persoal de Ferrovial e a nosa concelleira Avia Veira

Denunciamos o pasotismo da Marea Atlántica diante dos incumprimentos graves en materia laboral por parte de Ferrovial nos Servizos Complementarios das Instalacións Deportivas Municipais que repercuten na súa calidade

Xuntámonos esta mañá cunha representación do Comité de Empresa de Ferrovial nos Servizos Complementarios das Instalacións Deportivas Municipais que sinalaron prácticas empresariais que van contra os dereitos das traballadoras e dos traballadores: como o desconto de días de asuntos propios ou o pagamento de horas extras como incentivos motivos polos que lles deron a razón na Inspección Laboral ou a irregularidade nos horarios ou os incumprimentos acerca dos acordos para a xestión da bolsa de traballo

As traballadoras e os traballadores non demandan máis que o que se lle debe de exixir a calquera Goberno Municipal, máis cando este se gaba de alternativo, progresista ou rebelde: que defenda unhas condicións laborais dignas para as persoas que traballan nun servizo público -por moito que estea xestionado por unha empresa- fronte aos abusos das empresas, que garanta un servizo de calidade e que xestione, xa que a empresa está a prestar o servizo fóra de contrato desde agosto de 2016, e aínda non se sabe se se vai sacar a concurso de novo ou como se vai xestionar a futuro

O Goberno da Marea desaparecido ante a vulneración de dereitos laborais de Ferrovial

Esta mañá, a nosa portavoz no Concello da Coruña, Avia Veira, reuniuse cunha representación do Comité de Empresa de Ferrovial nos Servizos Complementarios das Instalacións Deportivas Municipais que sinalaron prácticas empresariais que van contra os dereitos das traballadoras e dos traballadores, como o desconto de días de asuntos propios ou o pagamento de horas extras como incentivos motivos polos que lles deron a razón na Inspección Laboral ou a irregularidade nos horarios ou os incumprimentos acerca dos acordos para a xestión da bolsa de traballo.

Así, a representación das traballadoras e dos traballadores trasladoulle ao noso Grupo Municipal das malas prácticas laborais da empresa e os incumprimentos dos pregos de contratación polos que se rexeu a contratación logo de comunicarllo en reiteradas ocasións ao Goberno Local da Marea Atlántica e logo de obter como única resposta evasivas e pasotismo cando o que debían obter é solucións e amparo.

o Comité de Empresa de Ferrovial dando conta á nosa concelleira Avia Veira das vulneracións de dereitos laborais

É por isto que cremos que o lóxico sería que o Goberno Local, en primeiro lugar, xestionase e non tivese a Ferrovial prestando o servizo fóra de contrato desde hai practicamente un ano. Xa que logo entendemos que a Marea Atlántica ten que decidirse, ou xestiona directamente os Servizos Complementarios das Instalacións Deportivas Municipais ou ben saca a concurso de novo a xestión do servizo; mais o que non pode facer é ter o servizo nun limbo poñendo en perigo a estabilidade laboral as máis de 70 familias que traballan nel.

En segundo lugar, demandamos que o Goberno Local, toda vez que ten coñecemento dos incumprimentos dos pregos dos que foron informados polas traballadoras e os traballadores e que ten coñecemento de varias resolucións favorábeis aos seus dereitos e contra as prácticas laborais de Ferrovial, debe esixirlle responsabilidades á empresa e implicarse para garantir o cumprimento dos pregos que regularon a contratación do servizo: o cal non só supón que se atenda os dereitos laborais das persoas que traballan nel senón tamén que se manteña a calidade na atención ao público.

Asemade, as persoas que traballan no servizo denuncian que a empresa está inflando o cadro de persoal, aumentando a contratación de temporais e desequilibrando a porcentaxe de persoas fixas e eventuais sinalada no prego o cal leva a que a empresa contrate constantemente de xeito temporal persoas saltándose a bolsa de traballo negociada e incluída nos pregos de contratación do servizo e provocando que entren a traballar persoas que descoñecen as instalacións, o seu funcionamento ou a cidadanía que acode a elas. Ademais a empresa modifica constantemente os horarios co que imposibilita a conciliación coa vida familiar e persoal dos seus traballadores e das súas traballadoras.

O que desde logo non é propio dun goberno alternativo, rebelde ou progresista, como se gaba a Marea Atlántica, é dar a calada por resposta. As traballadoras e os traballadores non demandan máis que o que se lle debe de exixir a calquera Goberno Municipal: que, fronte aos abusos das empresas, defenda unhas condicións laborais dignas para as persoas que traballan nun servizo público -por moito que estea xestionado por unha empresa-, que garanta un servizo de calidade e que xestione, xa que a empresa está a prestar o servizo fóra de contrato desde agosto de 2016, e aínda non se sabe se se vai sacar a concurso de novo ou como se vai xestionar a futuro.

A Coruña, 10 de xullo de 2017

 

Artigos relacionados:

O Goberno da Marea desaparecido ante a vulneración de dereitos laborais de Ferrovial