ALMORZO INFORMATIVO DE JORQUERA E VEIRA COS MEDIOS LOCAIS

O BNG vese como "a alternativa fiábel" perante a "crecente inestabilidade" do Concello e un PP "que é parte do problema"

O PP apreséntase como a solución á inestabilidade que caracteriza a situación política do Concello da Coruña, cando en realidade este partido “lonxe de ser a solución é boa parte do problema”. “O PP é sinónimo de inestabilidade. Vai xa pola terceira voceira no que vai de mandato. Primeiro Bea Mato, despois Roberto Rodríguez, agora volven ao pasado con Rosa Gallego. A este paso todas as  concelleiras e concelleiros deste grupo van rotar ao fronte da portavocía. Din que son a única oposición cando en realidade funcionan como a delegación da Xunta no Concello da Coruña. Na práctica son axentes comerciais do señor Feixóo na nosa cidade”.
O BNG vese como "a alternativa fiábel" perante a "crecente inestabilidade" do Concello e un PP "que é parte do problema"

Nestes termos pronunciouse o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, durante o almorzo informativo que, na compaña de Avia Veira, ofreceu esta mañá, nun hotel coruñés, aos medios locais.

Quer Avia Veira quer Francisco Jorquera subliñaron a preocupación que sente o BNG perante a “crecente inestabilidade, con aspectos de interinidade” que presenta o Concello da Coruña.

“É unha situación ben preocupante, nomeadamente nun momento moi delicado, de grave crise sanitaria, social e económica”, dixo Jorquera, xusto cando “é máis importante que nunca que as institucións estean centradas en daren resposta” aos problemas da veciñanza.

Almorzo informativo2.jpg

A seguir Jorquera esmiuzou as razóns polas que o BNG fala de inestabilidade. “Falamos de inestabilidade porque en apenas ano e medio de mandato lévanse producido unha manchea de alteracións na composición da Corporación que resultou das eleccións”, esclareceu. A saber: hai dúas concelleiras –Mónica Martínez e Isabel Faraldo- que van exercer as súas funcións desvencelladas das candidaturas coas que se apresentaron aos comicios, Cs perdeu a súa representación, na Marea primeiro produciuse a demisión de Xulio Ferreiro, despois a saída de Xiao Varela e finalmente a ruptura con Podemos, mentres que o executivo presidido por Inés Rey viuse obrigado a acometer unha crise de goberno, con mudanzas de carteiras, unha remodelación que evidencia até que punto a equipa gubernamental é moi feble e até que punto o seu balanzo de xestión dista moito de ser o desexábel.

E o PP? Pois o PP contribuíu tamén decisivamente a desestabilizar o escenario coa tripla mudanza na súa portavocía: primeiro Bea Mato, logo Roberto Rodríguez e agora con Rosa Gallego, “unha candidata coa que este partido volve ao pasado”, considera Jorquera.

Esta mesma semana Rosa Gallego afirmaba que o PP é a única oposición no Concello da Coruña. “Quen é parte do problema non pode presentarse como a solución, sobre todo cando o seu xeito de practicar a oposición consiste en facer de espectadores e comentaristas, sen apenas facer propostas, sen proxecto de cidade alternativo”, avalía o portavoz nacionalista.

almorzo informativo.jpg

 

O PP non exerce realmente como grupo de oposición, senón como “unha simple delegación da Xunta na Coruña”. “Como unha especie de axentes comerciais do señor Feixóo”, engadiu Jorquera.

Neste contexto, “e con toda humildade”, o BNG ten vocación de se constituír na auténtica alternativa. “Somos unha forza fiábel, con ideas claras, e cunha forma seria e responsábel de facer política. Estamos a achegar fiabilidade á política municipal, xusto o que agarda de nós, e do resto das forzas políticas, a veciñanza. Estamos a demostrar sermos unha forza asentada, centrada no traballo municipal e no contacto coa xente e no exercicio da oposición cunha actitude positiva e propositiva”, afirma o voceiro nacionalista.

“Xusto eses son os trazos”, subliñou, “que a sociedade galega premiou nas pasadas eleccións ao Parlamento da Galiza”. De aí que o repto agora do BNG sexa o de construír a alternativa. “A nosa vocación é construír unha alternativa que dote dun impulso verdadeiramente transformador ás políticas municipais. É o BNG a alternativa. Non o pode ser un PP que é parte do problema, que xera tanta inestabilidade como o que máis, que non ten proxecto de cidade e que se limita unica e exclusivamente a exercer de mensaxeiros de Feixóo na Coruña”, conclúe.

 

O BNG vese como "a alternativa fiábel" perante a "crecente inestabilidade" do Concello e un PP "que é parte do problema"