O BNG valorou hoxe o modificativo de crédito

O BNG valorou hoxe o modificativo de crédito

NO BNG DA CORUÑA VALORAMOS COMO NEGATIVO O MODIFICATIVO DE CRÉDITO PRESENTADO POLO GOBERNO MUNICIPAL

A Coruña, 6 de agosto de 2015.- No BNG entendemos que a orixe deste modificativo temos que atopala na nefasta xestión do PP. Esta leva agora ao Concello da Coruña a asumir recoñecementos extraxudiciais de crédito froito de que o anterior goberno preveu de xeito insuficiente algunhas partidas, por exemplo, as relativas á subvención de tranporte urbano colectivo, circunstancia xa advertida polo interventor municipal.

Froito tamén desta nefasta xestión son todas as facturas que se agocharon no caixón, mesmo durante anos, sen que a intervención atope razóns polas que estivesen sen pagar. Refirímonos, neste caso, as facturas de Nostián.

Mais agora o novo goberno renuncia a apostar por compromisos asumidos en campaña na primeira oportunidade que se lle presenta. Deste xeito, partidas previstas para educación ou emprego desaparecen e, as que se puideran consignar para servizos sociais públicos, nin tan sequera se teñen en conta.

O BNG insta a que se tomen as medidas necesarias para que se poida continuar coa actividade no mercado de Santa Lucía.

Nomeadamente, o BNG láiase dos máis de 385.000 euros de baixa en investimentos para reposición en mercados municipais, tendo en conta precisamente a situación do mercado de Santa Lucía, cun futuro incerto. Neste sentido, lembra o BNG, o acordo plenario tomado unanimemente pola anterior corporación, e onde se instaba a tomar as medidas necesarias para que se puidera continuar coa actividade mentres se acometían as obras de rehabilitación.

Tamén no BNG entendemos como inxustificada a perda das partidas en educación, ou mesmo os máis de 152.000 euros en formación para o emprego baixo o pretexto de que son inexecutábeis.

Pérdense partidas inicialmente previstas en educación e emprego

Por outra banda, no BNG tamén sinalamos que as únicas partidas destinadas para emerxencia social son aquelas que teñen por obxecto programas ofrecidos desde entidades benéficas, e non desde os servizos sociais públicos. Neste sentido o BNG lembra que xa fora crítico, no período anterior, con esta substitución do que deben ser políticas sociais exercidas pola administración pública en favor de entidades benéficas privadas.

Os servizos sociais, alén axudas a entidades privadas, non aparecen na proposta presentada pola Marea Atlántica

É por todo isto que o BNG anunciamos o noso voto negativo a este modificativo, entendendo que se perde unha oportunidade única para dar un cambio de rumbo ao uso do diñeiro municipal.

O BNG anunciamos que votaremos mañá no pleno en contra da proposta presentada