Sobre os orzamentos da Xunta

Jorquera, nunha comparecencia ante os medios.
Jorquera, nunha comparecencia ante os medios.
O proxecto de Orzamentos 2020 da Xunta son, no que ten a ver con A Coruña, "decepcionantes e marcadamente insuficientes", avaliou este sábado o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, nunha valoración de urxencia das contas do goberno galego que o Bloque completará nos próximos días após unha análise máis demorada.
Sobre os orzamentos da Xunta

"Este non é o orzamento que precisa a cidade. Vira as costas ás necesidades básicas da Coruña e é nulo á hora de dinamizar a economía e criar emprego", considera Jorquera. "Cun claro cheiro electoral Feixoo anunciou que os orzamentos ían ser expansivos. Ben, en relación á Coruña non o son en absoluto".

Boa proba da falta de impulso orzamentario atopámola no feito de que, avalía Jorquera, "o maior investimento contemplado na Coruña corre a cargo dunha entidade privada", dixo en alusión á Fundación Amancio Ortega.

Por capítulos, Jorquera xulga como moi cativa a partida orzamentaria destinada pola Xunta en materia de sanidade. "Apenas hai dous millóns de euros para atender as necesidades dos distintos edificios que integran o CHUAC", afirma. O portavoz nacionalista salienta que a práctica totalidade de centros sanitarios da cidade precisan melloras no seu equipamento e o reforzamento do seu cadro de persoal. 

A mesma insuficiencia de recursos advírtese en política social ou en educación, sen recursos abondos para as escolas infantís. Non hai diñeiro público, por exemplo, para afrontar a reforma integral do CEIP Curros Enríquez nen para dotar os centros de equipamentos modernos que eviten episodios como a recente inundación rexistrada no Instituto Monelos. Tampouco se atenden as necesidades de dotación de profesorado de apoio –de audición e linguaxe, nomeadamente–, unha demanda das ANPAS da Coruña.

Canto á Vivenda, e a pesar de a Xunta ser a administración competente, a aposta na vivenda pública é francamente insuficiente, cunha partida de apenas 3 millóns de euros para a construción de 40 VPP no chamado Parque Ofimático e só 1 millón de euros para a primeira convocatoria do Programa Rexurbe.

No que atinxe ás infraestruturas de transporte, e fóra da moi exigua partida de 300 mil euros para a Intermodal, a única actuación reseñábel, resalta Jorquera, é a da Vía Ártabra. "Aquí a Xunta teima en apostar nun trazado con grande afectación medioambiental, deseñado só para conectar coa AP9, sen que se resolva a existencia de peaxe desde ese punto, en vez de contemplar que debe conectar coa A6 tal e como inicialmente estaba planificada esa infraestrutura", remarca o portavoz nacionalista. Brillan tamén pola súa ausencia partidas para levantar a peaxe na autovía a Carballo ou para construír unha conexión entre a AP-9 e o aeroporto, a pesar de estas seren vellas demandas da veciñanza.

A Xunta tampouco fai os seus deberes no que ten a ver coa rexeneración da Ría do Burgo nen na realización de investimentos nos complexos deportivos dependentes da administración galega (Elviña, Sardiñeira e a Agra).