O BNG pon en evidencia a complicidade e submisión do Goberno municipal con Albada

O BNG pon en evidencia a complicidade e submisión do Goberno municipal con Albada

A Coruña, 23 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG e o resto dos grupos da oposición presentaron esta mañá por rexistro unha solicitude de reunión co alcalde (achégase xunto á nota) para pórlle fin ao conflito laboral creado por Albada, que incrementa beneficios por conta de cobrarlle ao Concello por un servizo que non presta, o da reciclaxe, e por conta de recortarlles dereitos ás e aos traballadores e para pórlle fin á fraude social da reciclaxe, xa que se lle está a cobrar á cidadanía unha taxa por un tratamento de residuos que non está a ter lugar.

En declaracións aos medios, a concelleira do BNG María Xosé Bravo sinalou que “o silencio e a pasividade do Goberno do Sr. Negreira en todo que ten a ver coa planta de Nostián evidencian a súa complicidade coa empresa e os seus intereses; primeiro, impedindo que o BNG visite as instalacións; segundo, evitando que o BNG consulte o resultado das auditorías técnica e económica de Albada, auditorías que poñen de manifesto o grao de incumprimento da empresa; e terceiro, negándose a manter unha reunión co Comité de empresa e negándolles aos grupos da oposición un espazo municipal para se reuniren co Comité”.

“Que diferenza hai entre o Comité de Albada e outros Comités de Empresas cos que si se ten reunido o Goberno municipal? Hai Comités bos e Comités malos?”

En relación á negativa do Goberno do Sr. Negreira a se reunir cos representantes das e dos traballadores, María Xosé Bravo preguntouse “que diferenza hai entre o Comité de Albada e outros Comités de Empresas cos que si se ten reunido o Goberno municipal”. “É que hai Comités bos e Comités malos en función de quen sexa a empresa?”, salientou a concelleira do BNG.

Por último, María Xosé Bravo insistiu perante os medios de comunicación que “o Concello é cliente de Albada porque se trata dunha empresa concesionaria dun servizo público, o de tratamento de residuos urbanos, e, como tal, ten que exercer os seus dereitos cando non se cumpren as condicións da concesión”. De aí que cualificara como “fundamental” termos coñecemento das auditorías de Albada, co fin de saber cal é o grao de incumprimento da empresa e co fin de pedirlle responsabilidades.

O BNG pon en evidencia a complicidade e submisión do Goberno municipal con Albada