O BNG esixe cartos e prazos concretos para a rexeneración da ría do Burgo

O BNG esixe cartos e prazos concretos para a rexeneración da ría do Burgo

A Coruña, 13 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG esixe prazos concretos e dotación orzamentaria suficiente para a limpeza integral da ría do Burgo, unha rexeneración que crearía riqueza e centos de postos de traballo. Os investimentos na ría do Burgo, nun momento de recesión como o actual, reactivarían a economía da cidade e da comarca. Nesta liña, ao nacionalista Xan Caxigal resúltalle "inconcebíbel" que o Goberno local "soterre no Parrote 14 millóns de euros da cidadanía da Coruña para agasallar a Copasa, un proxecto que carece de interese xeral, mentres mantén no abandono un dos sectores estratéxicos da cidade, capaz de xerar postos de traballo". Tamén advirte de que a recuperación dos areais, ademais de crear emprego directo e indirecto, permitiría a posta en valor da zona a nivel medio ambiental, turístico e de lecer.

O concelleiro do BNG insta o Sr. Negreira a esixirlle ao Goberno central que acompañe a carta enviada á Confraría, na que a Presidencia do Goberno se compromete a iniciar a redacción do proxecto de dragado e xestión de lodos, dunha partida económica de, cando menos, 2 millóns, e dun calendario de actuacións (con prazos reais marcados no DOG e no BOE) para que as reivindicacións históricas do BNG e da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo se convirtan, por fin, en realidade.

Caxigal: "É inconcebíbel que o Goberno local agasalle a Copasa con 14 millóns de euros no Parrote e que fique de brazos cruzados ante o estado calamitoso da ría do Burgo, cuxa rexeneración crearía riqueza e centos de postos de traballo"

Caxigal lembra que nos orzamentos xerais do 2012, o Goberno central non lle dedicou nin un só céntimo á ría do Burgo, feito que cualificou como unha "ofensa" e como "desprezo, non só aos mariscadores e mariscadores tamén ao conxunto dos coruñeses e coruñesas, por renunciar a un sector estratéxico da cidade capaz de reactivar a economía". O concelleiro do BNG advirte da necesidade de axilizar a limpeza integral da ría, xa que, dada a escaseza de marisco, mariñeiros que faenan no Burgo anunciaron, neste inicio de campaña, o abandono da actividade extractiva.

O nacionalista critica que o Goberno do Sr. Negreira dera por boa a dicriminación da ría do Burgo nas contas do Estado de 2012. E é que, tal e como lembra, o PP rexeitou unha moción presentada polo BNG, a instancias da Confraría da Coruña, no Pleno de maio en que reclamaba 2 millóns para o saneamento da ría.

O concelleiro do BNG tamén lle reclama ao alcalde que traballe por acabar co desleixo da Xunta de Galiza e do Goberno central. E é que nos exercicios orzamentarios pasados, froito das emendas do BNG, incorporáronse ás contas do Estado partidas específicas para a ría que, finalmente, non foron executadas pola falta de acordo entre a Xunta de Galiza e o Goberno central.

O BNG esixe cartos e prazos concretos para a rexeneración da ría do Burgo