Un novo revés para o Sr. Negreira: a venda dos pisos e garaxes municipais fica deserta

Un novo revés para o Sr. Negreira: a venda dos pisos e garaxes municipais fica deserta

A Coruña, 16 de novembro de 2012.- A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá declarar deserto o procedemento aberto para a venda de inmobles municipais. O Grupo Municipal do BNG considera que se trata dunha oportunidade perdida no que representa un novo revés ao Goberno do Sr. Negreira, dados os prezos desorbitados dos dous pisos e dos sete garaxes postos á venda. Os nacionalistas xa cualificaran de disparatada a valoración económica dos inmóbeis e dos garaxes, cuns prezos mínimos desaxustados á situación actual do mercado, e tendo en conta, ademais, que se trataba de pisos de bastante antigüidade (17 anos o piso das Lagoas, por valor de 226.400 euros, e 9 anos o da Avda de Chile, valorado en 224.240,61 euros).

Ademais, o Grupo Municipal do BNG criticara os despropósitos da valoración, xa que a comparación foi realizada con locais situados noutras zonas da cidade, cando o que esixe a normativa legal é que sexan na mesma zona. Por exemplo, para a valoración municipal dos locais das Lagoas comparouse con outros situados en Juan Florez e e o da Avda. Chile, con Adelaida Muro e Zalaeta, zonas afasatadas e distantes.

 

O BNG considera que se deberían ter en conta a capacidade económica das familias nun concurso

Os nacionalistas rexeitan o procedemento aberto polo Goberno do Sr. Negreira, que se traduciu nunha poxa en que non se tiveron en conta as capacidades económicas das persoas interesadas. Xa que tanto a lexislación galega como a estatal o permite, o Grupo Municipal do BNG propón que, en casos como estes, se leve a cabo un concurso, e non unha poxa, e que se teñan en conta e se valoren outras circunstancias, como a situación económica ou familiar das persoas interesadas.

Por último, os nacionalistas sinalan que o informe de valoración municipal xa recoñecía que para todos os locais postos á venda a oferta era superior á demanda e precisaba, ademais, que as expectativas de revalorización pesentaban unha tendencia á baixa.

 

Un novo revés para o Sr. Negreira: a venda dos pisos e garaxes municipais fica deserta