Bravo denuncia o abandono do cárcere

Bravo denuncia o abandono do cárcere

A Coruña, 12 de marzo de 2013.- A concelleira María Xosé Bravo pon de manifesto que o Goberno municipal non respondeu ás preguntas escritas realizadas polo BNG sobre as actuacións urxentes a acometer no edificio do antigo cárcere provincial nin sobre a cesión deste inmoble de titularidade estatal do Concello. Deste xeito, ás preguntas: "Renegociou este Goberno municipal o pago ao estado? É este o pago ao estado do convenio asinado? É só unha parte? Que previsións de datas existen para que o edificio do antigo cárcere sexa definitivamente municipal? Que actuacións urxentes pensa realizar este Goberno municipal ou esixir do Goberno do Estado para reformar o edificio", o Goberno do Sr. Negreira limitouse a responder, "El Gobierno municipal mantiene conversaciones al respecto con el Gobierno del Estado".

Bravo, quen engade que no Pleno ordinario de outubro de 2011 o Goberno municipal tamén respondía con evasivas a unha pregunta formulada pola concelleira nacionalista sobre o cárcere, critica que o Goberno do Sr. Negreira non lle permita á cidadanía coñecer que vai acontecer co cárcere e se vai ser rehabilitado. "As nosas preguntas xurdiron non só pola inquedanza do BNG, senón tamén pola inquidanza da cidadanía e dos movementos sociais que traballan para recuperar este espazo", afirma a nacionalista, que lembra que desde que Goberna o PP na Coruña, este inmoble non volveu abrir. Precisamente, fora a Concellaría de Cultura da que era responsábel Bravo a que permitiu o acceso da cidadanía, até en dúas ocasións, ao edificio que acollía o cárcere.

Mentres non se faga efectiva a cesión, o Goberno central é o responsábel do deterioro que presenta o edificio

A concelleira do BNG advirte do perigo que corre este edificio singular se non se rehabilita e salienta que mentres non se faga efectiva a cesión do cárcere ao Concello da Coruña é o Goberno central o responsábel da súa conservación. Bravo pon de manifesto que unha vez se traspase a titularidade do inmoble ao Concello será o Concello quen teña que asumir a rehabilitación duns danos provocados polo abandono e polo desleixo de Institucións Penarias.

Bravo expón que en outubro do ano 2005 se asinou o Concello da Coruña e a Dirección Xeral de Institucións Penais, a Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios asinaron un convenio para construción dun centro de inserción social e para devolverlle á cidade a antiga prisión. "O Concello comprometíase a entregarlle á Sociedade Estatal a cantidade de 1,127 millóns para compensar a diferenza de valor entre os bens permutados", apunta Bravo, quen lembra que os orzamentos de 2013 recollen unha partida de 300.000 euros para o pago convenio entre o concello e a Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias e a Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios.

Bravo denuncia o abandono do cárcere