O BNG pediralle ao Goberno Municipal que atenda as necesidades máis urxentes do barrio do Portiño

O BNG pediralle ao Goberno Municipal que atenda as necesidades máis urxentes do barrio do Portiño

A Coruña, 10 de febreiro de 2014.- A concelleira do BNG Avia Veira visitou o barrio do Portiño, acompañada de membros Directiva da asociación veciñal, que lle trasladou ao Grupo Municipal do BNG as demandas e necesidades máis urxentes para o barrio.

Así, a edila nacionalista trasladaralle ao Goberno municipal no Pleno ordinario de marzo, a través dunha serie de preguntas escritas, a necesidade de reasfaltar a estrada de acceso á zona residencial do barrio así como dotala das infraestruturas básicas, como é a iluminación -que existe mais está sen arranxar-, as beirarrúas e o pintado, necesarias para garantir un mínimo a seguridade viaria. De feito, tal e como lle indicaron os veciños do barrio, os autobuses que ofrecen o transporte escolar, moitas veces non poden acceder ao barrio debido ao mal estado do pavimento e ás fochancas que se crean cando chove, precisamente cando máis se necesita que os buses se acheguen o máximo posíbel ás casas. Algo que xa recollían as nacionalistas no seu programa electoral.

Ademais, Avia Veira reclamará que se rehabilite o edificio de propiedade municipal situado no barrio pois nesta instalación o propio Concello ofrece aulas de reforzo para o estudantado que reside no Portiño malia que non conta coas dotacións mínimas necesarias. Así mesmo, o centro conta con ordenadores sen conexión a Internet polo que as máis de 300 veciñas que poderían empregalos e, sobre todo as persoas máis novas que viven no barrio, teñen que empregar outros centros cívicos da cidade.

Alén disto, a asociación veciñal trasladoulle á concelleira a demanda da veciñanza do Portiño que se dote o barrio dun parque ou unha praza pública para a convivencia onde as nenas e os nenos poidan xogar nunha instalación propia como ocorre na maior parte dos barrios da cidade.

Preguntámoslle ao Goberno municipal por que exclúe o barrio do Portiño nos seus plans

A concelleira nacionalista pregúntalle o Goberno municipal pola exclusión do barrio do Portiño do Plan Rúa de 2013 e do que se vai desenvolver durante o 2014 xa que o Bloque Nacionalista Galego entende que este é un barrio máis da Coruña cuxas demandas son máis urxentes se cadra que noutros, polo feito de que se trata dun asentamento precario.

Por último, as nacionalistas pregúntanlle ao Goberno do Sr. Negreira cales son os motivos polo que non conta coma se o edificio de propiedade municipal situado no barrio fose un centro veciñal máis e por que non o cubre coas dotacións mínimas necesarias para que alí se ofrezan axeitadamente os servizos municipais.

O BNG pediralle ao Goberno Municipal que atenda as necesidades máis urxentes do barrio do Portiño