O BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira a rúa co nome de María Wonenburger

O BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira a rúa co nome de María Wonenburger

A Coruña, 30 de xuño de 2014- Pasaron máis de tres anos e medio e o Goberno do Sr. Negreira aínda non fixo efectivo o outorgamento dunha rúa á matemática recentemente falecida María Wonenburger, unha distinción tratada no Pleno ordinario de novembro de 2010. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG presentou na mañá de hoxe un rogo oral que formulará na sesión plenaria de xullo en que lle exixe ao Goberno do Sr. Negreira que faga efectivo, coa maior brevidade posíbel, o acordo do ano 2010 e así, en recoñecemento da figura alxebrista María Josefa Wonenburger Planells lle poña o seu nome a unha rúa da cidade.

Na iniciativa, o Bloque denuncia a tardanza do Goberno do PP en facer efectivo o acordo e pon de manifesto que María Wonenburger está considerada unha influencia indiscutíbel no avance das matemáticas no século XX a nivel mundial. Investida Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña (UdC) en 2010, no mesmo ano en que o Consello da Cultura Galega lle rendeu homenaxe nunha xornada dedicada ao seu labor, tamén foi distingada polo Concello da Coruña en 2011, cando se inaugurou un monolito que leva o seu nome no Paseo da Ciencia (Parque da Santa Margarita), en que reza a lenda «Muller pioneira, destacada matemática que creou unha importante escola internacional de Álxebra».

Ademais, no III Congreso da Asociación Galega de Profesores de Ensino das Matemáticas (AGAPEMA), do ano 2006, acordouse nomear socia de honra da Sociedade a María Josefa Wonenburger e no 2007 foi nomeada Socia de honra da Real Sociedad Matemática Española. Nese mesmo ano a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou o Premio María Wonenburger para recoñecemento daquelas mulleres galegas con traxectorias notábeis no ámbito da ciencia e tecnoloxía.

Nada en Montrove (Oleiros) o 17 de xullo de 1927 e finada na Coruña o 14 de xuño e 2014, María Josefa Wonenburger Planells formou parte dos beneficiarios das primeiras bolsas Fullbright, o que lle permitiu ir á Universidade de Yale. De volta no Estado español, traballou como investigadora no CSIC durante tres anos, até que recibe unha bolsa postdoutoral da Queen University, de Ontario (Canadá). Alí dirixiulle a tese de doutoramento a Robert Moody, quen logo traballou sobre o infinito no que se coñeceu como álxebra de Kac-Moody, e que tivo a Wonenburger como inspiradora.

En 1966 trasladouse aos Estados Unidos, á Universidade de Buffalo, e ao ano seguinte, en 1967 conseguiu praza definitiva como profesora na Universidade de Indiana. A investigación de María Wonenburger centrouse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie.

O BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira a rúa co nome de María Wonenburger