O BNG esixe do alcalde que se repoña do shock da sentenza do Supremo e diga a verdade

O BNG esixe do alcalde que se repoña do shock da sentenza do Supremo e diga a verdade

A Coruña, 14 de xullo de 2014.- Logo do estado de shock do Goberno Local provocado pola sentenza do Tribunal Supremo que rexeitou a imposibilidade material de execución da sentenza de demolición pola súa ocorrencia disparatada de presentar dous informes periciais que avalaban a demolición do edificio Conde de Fenosa (isto é, o contrario do que se pretendía), o Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno Local que deixe de eludir a súa responsabilidade e dea resposta inmediata a tres cuestións moi concretas, en relación sempre coa execución da sentenza que ordena a demolición do mencionado edificio a Martinsa-Fadesa, e que o propio Goberno Local recoñece que hai que executar.

A primeira cuestión que debería respostar xa é se se pode legalizar o edificio. O Goberno Local ten que saber se o Concello da Coruña pode outorgar ou non licenza de legalización global para a totalidade do edificio e evitar así a súa demolición.

A segunda cuestión que debería respostar xa o Goberno Local é se o PXOM de 2013 ampara a legalización total do edificio Conde de Fenosa. O Goberno Local ten que dicirlle xa á cidadania en xeral, e aos veciños afectados en especial, se é legalizabel ou non conforme ao PXOM actualmente vixente de 2013.

E a terceira cuestión que debería contestar xa o Goberno Local é se lle vai a pedir a Martinsa-Fadesa que presente o proxecto de axuste do edificio Conde de Fenosa ao planeamento actualmente en vigor. O BNG advirte que unha licenza de legalización (total ou parcial) é a única alternativa que queda para evitar a demolición (total ou parcial) do edificio. Non hai outra alternativa e o Goberno Local ben o sabe. Calquera outro recurso ou incidente estará condeado ao fracaso e mesmo dificultará a solución legal.

E sempre relacionado con esta terceira cuestión, o Goberno Local tamén sabe que é Martinsa-Fadesa, e non o Concello da Coruña, quen está obrigada a presentar o proxecto de axuste do edificio ao planeamento para os efectos da execución da sentenza e de reposición da legalidade urbanística. Resulta inaudito que a principal responsábel nesta actuación ilegal non asuma a responsabilidade que lle corresponde para executar a sentenza e que o Goberno Local, no lugar de reclarmarlla, supla a pasividade desta promotora privada en todo o proceso, que nin sequera se opuxo ao último recurso presentado ante o Tribunal Supremo, deixando caducar o prazo de contestación.

O BNG esixe do alcalde que se repoña do shock da sentenza do Supremo e diga a verdade