O BNG chama a participar na concentración da Alianza Social Galega

O BNG chama a participar na concentración da Alianza Social Galega

A Coruña, 20 de decembro de 2012.- O BNG da Coruña participará esta tarde na concentración de Alianza Social Galega, unha mobilización que terá lugar ás 19.30h na Delegación do Goberno. Así, cargos orgánicos e institucionais de toda a comarca denunciarán na protesta as políticas antisociais do PP: privatización dos servizos públicos, non revalorización das pensións, recortes en sanidade e ensino ou a contrarreforma ideolóxica que representan a LOMCE e a Lei de novas taxas xudiciais, ademais da negativa do PP a reformar a normativa hipotecaria para pórlle fin aos desafiuzamentos.

Os nacionalistas poñen de manifesto que as medidas do PP, lonxe de axudar a saír da crise, están a provocar o empobrecemento do pobo, co incremento do desemprego, da precariedade e da exclusión social. Ademais, o BNG acusa o PP de aproveitar a crise para introducir o modelo ideolóxico da dereita máis reaccionaria, un modelo que atenta contra a inmensa maioría da poboación. Poñen como exemplo os nacionalistas a LOMCE, con ataque ás linguas propias e con dádivas á igrexa católica.

Neste contexto, o BNG da Coruña fai un chamamento á cidadanía para que acuda á concentración da Alianza Social Galega, que está composta por máis de 60 entidades.

O BNG chama a participar na concentración da Alianza Social Galega