O BNG alerta da precariedade dos contratos de traballo na cidade da Coruña: o 92,6% son temporais

O BNG alerta da precariedade dos contratos de traballo na cidade da Coruña: o 92,6% son temporais

A Coruña, 12 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG alerta da precariedade dos contratos de traballo rexistrados no mes de xullo, pois o 92,6%% son de carácter temporal e tan só o 4,6% son de carácter indefinido (o 2,8% restante son contratos convertíbeis a indefinidos). Nin o abaratamento da contratación indefinida nin as falsas mensaxes de recuperación que lanza o Sr. Negreira poden ocultar o deterioramento do mercado laboral que amosan estas cifras.

O BNG chama a atención sobre o feito de que dos 9.613 novos contratos rexistrados en xullo, 8.404 pertencen ao sector servizos, fortemente vinculado co traballo estacional, nomeadamente á substitución das vacacións e das actividades vinculadas ao verán. Pola outra banda, as maiores prexudicadas pola temporalidade dos contratos volven ser as mulleres, xa que, fronte aos 238 dos homes, só 210 mulleres lograron contratos indefinidos en xullo.

Este tipo de contratos temporais, que son consecuencia das últimas reformas laborais aprobadas polo PSOE e polo PP, provocan que unha maioría de persoas accedan e saian do mercado laboral cunhas condicións salariais e laborais crecentemente precarizadas e cuns contratos de curta duración e de mala calidade. E isto, á súa vez, deriva nun menor consumo e nun maior empobrecemento da poboación, denuncia o BNG.

A este empobrecemento da poboación derivado do paro e da precariedade dos empregos súmase a emigración, xa que segue a medrar o número de coruñesas e coruñeses que deixan a cidade para traballar no estranxeiro. O BNG lembra os datos da estatística do Padrón de Residentes no Estranxeiro, que sinalan que a 01.01.2014 había 28.671 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español, sendo maior o número de mulleres que marcharon, 14.532, que de homes, 14.139 (neste padrón de residentes no estranxeiro non reflicte os datos dos coruñeses e coruñesas que marchan para outros concellos pertencentes ao Estado español, motivo polo cal a emigración na cidade é aínda maior).

O BNG alerta da precariedade dos contratos de traballo na cidade da Coruña: o 92,6% son temporais