O Sr. Negreira impulsa a orde de desaloxo no Ofimático mentres non actúa contra a Xunta e promotores

O Sr. Negreira impulsa a orde de desaloxo no Ofimático mentres non actúa contra a Xunta e promotores

A Coruña, 9 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG tivo acceso ao decreto en que o Goberno do Sr. Negreira solicita a autorización xudicial de entrada nas vivendas e edificacións do Ofimático; é dicir, a orde de desaloxo. Neste decreto (achégase coa nota de prensa), anotado no libro de resolucións da Alcaldía a 28 de febreiro de 2013, o Goberno municipal desestima as alegacións no que se refire á indefensión e dereito de realoxo e no que se refire á petición de suspensión da execución de orde de desaloxo, entre outras alegacións desestimadas.

As nacionalistas salientan que o decreto ao que veñen de ter acceso evidencia o que veñen denunciando nos últimos meses: a man dura coas persoas desaloxadas e a man branca coa Xunta de Galiza e cos promotores; é dicir, a dupla moral do Partido Popular coas persoas directamente afectadas do Ofimático. Mentres o Goberno municipal actúa con contundencia contra as persoas desaloxadas, renuncia a actuar pola vía do apremio, tal e como permite a lei, contra a Xunta de Galiza e contra os promotores, que non están a satisfacer as cotas urbanísticas que lles corresponden.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Concello da Coruña é a administración encargada de executar as obras de urbanización no Ofimático e, polo tanto, ten a obriga de adoptar todas as medidas legais para garantir que a Xunta de Galiza e os promotores paguen as cotas que lles atinxen (o artigo 189 do RD 3288/1978, de 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de xestión urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei sobre réxime do Solo e Ordenación urbana, sinala, no seu apartado 2, que a Administración poderá proceder á exacción das cotas pola vía de apremio).

Lembran as nacionalistas que sen o pagamento das cotas por parte da Xunta e dos promotores non hai financiamento para custear a urbanización xeral (sistemas, zonas verdes, infraestruturas, accesos, dotacións...) e advirten de que cando finalicen as obras dos edificios, o Concello non poderá outorgar licenza de primeira ocupación, precisamente, porque as obras de urbanización non están finalizadas.

Engaden que, segundo os datos da liquidación dos orzamentos de 2012 (achéganse táboa), o Concello da Coruña só ingresou 45.285 euros dos máis de 9 millóns de euros previstos en cotas de urbanización. O BNG advirte de que o Concello só recadou neste concepto o 0,5% do previsto.

O Sr. Negreira impulsa a orde de desaloxo no Ofimático mentres non actúa contra a Xunta e promotores