UNHA INICIATIVA DE JORQUERA PARA O PLENO DO 2F

O proxecto de compostaxe comunitaria da Caracola merece apoio!

Visita BNG A Caracola 2 (1)
Jorquera, durante a visita á escola infantil
O portavoz do BNG no Concello e candidato nacionalista á Alcaldía, Francisco Jorquera, visitou esta mañá as instalacións da Escola Infantil A Caracola para coñecer de primeira man o funcionamento do seu proxecto de compostaxe comunitaria.
O proxecto de compostaxe comunitaria da Caracola merece apoio!

O proxecto, no que tamén participan as e os pequenos, é “exemplar”, avalía Jorquera, mais infelizmente non está a atopar o suficiente grao de colaboración por parte do Goberno Local. “Para desenvolver todas as súas potencialidades, precisan de máis composteiros e dunha trituradora”, di o voceiro, após ser informado ao respecto pola directora da escola infantil, Bea Ferreira.

“Necesitamos unha trituradora. Nós agora o que facemos é alugar unha. O triturado fainos falta para cubrir todo o chan do xardín da escola e para as hortas”, díxonos Ferreira. “É algo que lle pedimos á Concellaría de Medio Ambiente que se nos facilitase desde hai ben tempo. Non entendemos cal é a traba para que esta solicitude non se teña en conta”, engade.

Jorquera resalta que estamos a falar dunha “prestación incorporada ao contrato municipal de recollida de lixo”, polo que a demanda da Caracola debería ser atendida decontado. “Trátase dunha iniciativa cun impacto positivo non só ambiental, senón tamén económico, ao se reducir de xeito significativo o lixo que é necesario recoller e tratar”, esclarece.

A cuestión vaina formular o BNG no Pleno deste xoves en forma dunha moció que non só se debruzará sobre o proxecto concreto desta escola infantil municipal, senón que tamén abordará o modelo de xestión e tratamento dos residuos sólidos urbanos de forma integral e cunha perspectiva clara, a dunha aposta decidida pola redución, a reciclaxe e a reutilización.

 

Visita BNG A Caracola 2 (2)
As e os pequenos a aprenderen a compostar

Nese sentido, Jorquera denuncia que en 2021 máis do 60% das toneladas de lixo tratadas en Nostián foron parar ao vertedoiro. A situación non parece que vaia mellorar, tendo en conta que no anteproxecto e no estudo de viabilidade da futura planta, refire Jorquera, “contémplase a previsión de que ao final do período de vixencia do novo contrato a porcentaxe de refugallos con destino ao vertedoiro ascenda a máis do 30%, o triple do obxectivo fixado na normativa”.

“Para acadar un obxectivo máis ambicioso é imprescindíbel unha mellora sensíbel das cifras de separación e tamén de reciclaxe en orixe”, remarca o candidato do BNG á Alcaldía. Imponse, por tanto, apostar por modelos de recollida como o denominado “porta a porta” –especialmente para grandes xeradores de fracción orgánica- e incentivar a compostaxe individual e colectiva, a prestar apoio, por tanto, a iniciativas como a da Caracola.

 

 

 

O proxecto de compostaxe comunitaria da Caracola merece apoio!