APÓS A REUNIÓN REY-RUEDA

Jorquera ve clave que Xunta e Concello presionen o Estado para condonar a débeda do porto

Jorquera fachada marítima
Jorquera, a presidir a Comisión da Fachada Marítima
Após a reunión tida esta mañá en Santiago entre o presidente da Xunta e a alcaldesa da Coruña, o portavoz do BNG no Concello e presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, Francisco Jorquera, avalía como “positivo” o anuncio de que a finais de maio as administracións galega e coruñesa manterán unha reunión co Goberno central sobre o deseño da nova fachada marítima.
Jorquera ve clave que Xunta e Concello presionen o Estado para condonar a débeda do porto

“É xusto o que nós demandabamos”, salienta Jorquera, quen tamén se felicita de que Rey e Rueda avanzasen a intención de crear “un novo marco xurídico” que substitúa o convenio de 2024.

“A creación dese novo marco xurídico vai na liña do pronunciamento do Pleno do concello do pasado 2 de maio cando se aprobou por unanimidade unha moción do BNG”, subliña.

En todo caso, Jorquera reiterou que a xuízo do BNG é crucial que as conversas cristalicen na constitución dun consorcio ou ente análogo no que tamén participe o Estado por ser titular do porto e, através do ADIF, da estación de mercadorías de San Diego.

O voceiro nacionalista empraza tamén o Goberno Local e a Xunta “a que presionen o Estado para este asumir a condonación da débeda que pesa sobre o porto” ou unha unha solución financeira equivalente.

A este respecto, lembra Jorquera que no Acordo de Investidura suscrito no Congreso entre o PSOE e o BNG xa figuraba o compromiso do Goberno central de contribuír para “o financiamento da transformación dos terreos dos peiraos do porto da Coruña que fiquen liberados de actividade portuaria. Compromiso por parte da Administración Xeral do Estado de contribuír de forma significativa ao financiamento destas actuacións xunto con outras administracións e entidades. Para iso, desenvolverase un plan plurianual, asegurando sempre a titularidade pública dos terreos”.

De resto, calquera formulación da futura fachada marítima ten que pasar polo mantemento da titularidade pública dos peiraos e pola revisión do convenio de 2004. “Celebramos que eses trazos do deseño sexan asumidos por Xunta e Goberno Local”, di Jorquera, ao tempo que salienta que “o BNG defendeu desde o principio que non se debía investir diñeiro público -nin da facenda local nin da autonómica- en mercar terreos que xa son públicos”.

 

 

Jorquera ve clave que Xunta e Concello presionen o Estado para condonar a débeda do porto