O Pleno de novembro aproba as tres mocións do BNG, dúas delas por unanimidade

grupo municipal BNG Pleno Novembro
O Pleno de novembro do Concello da Coruña aprobou as tres mocións formuladas polo BNG, dúas delas -a do cumprimento de obrigas en materia de transparencia e hixiene democrática e a da necesaria reapertura do Xardín do Observatorio- por unanimidade.
O Pleno de novembro aproba as tres mocións do BNG, dúas delas por unanimidade

O Pleno de novembro do Concello da Coruña aprobou as tres mocións formuladas polo BNG, dúas delas -a do cumprimento de obrigas en materia de transparencia e hixiene democrática e a da necesaria reapertura do Xardín do Observatorio- por unanimidade.

A iniciativa sobre o 25N -Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres- foi aprobada cos votos favorábeis do grupo municipal socialista, mais contou coa abstención do PP.

A moción sobre o 25N, defendida por Avia Veira, suscitou un debate entre BNG e PP. A formación conservadora colocou unha emenda de substitución ao texto do Bloque, mudanza que o grupo nacionalista non aceptou porque sería tanto como dar por boa a política que en materia de loita contra a violencia machista está a desenvolver a dereita desde as institucións de goberno.

“Lembremos que a Xunta eliminou do currículo educativo a materia de Igualdade de Xénero. Non é así como se aposta por unha educación en igualdade das nosas crianzas e da nosa xente moza”, denunciou Veira, quen acusou tamén o PP de branquear o “negacionismo” da violencia machista da ultradereita coa que “vostedes gobernan distintas institucións”.

Captura de pantalla 2023-11-09 110248
Avia Veira, durante o debate

A iniciativa do BNG formulaba propostas concretas, entre elas que a Xunta destinase 1% do seu orzamento ao combate contra violencia machista, un compromiso para a protección das mulleres deste país que infelizmente xa ten sido rexeitado en diversas ocasións polo PP no Parlamento galego. Ao mesmo tempo, Avia Veira instaba a Xunta a activar o protocolo de intervencións fronte as agresións sexuais no marco do ocio nocturno, ao tempo que urxía o Goberno Local a desenvolver a Ordenanza Municipal de Igualdade e Diversidade.

Declaración de bens e Sistema Interno de Información

Dar cumprimento a dúas obrigas atinentes á necesaria transparencia da vida municipal foi o obxecto da segunda das mocións do BNG, defendida por David Soto.

En esencia, tratábase de instar o Goberno Local a que se publicase xa a Declaración de Bens dos membros da Corporación -após 5 meses da súa constitución esta obriga fica aínda pendente- e a que se cumprise a lei estatal de febreiro de 2023 que, ao traspor unha directiva europea, prevé a constitución nas institucións públicas de Sistemas Internos de Información que protexan o funcionariado -o seu anonimato- cando teña coñecemento da existencia de feitos que podan ser constitutivos de delitos ou de infraccións administrativas. Esa protección é fundamental á hora de o persoal se sentir libre para comunicar episodios de corrupción a autoridades independentes para esas prácticas seren investigadas.

Captura de pantalla 2023-11-09 131116
David Soto, no uso da palabra

A iniciativa contou co apoio unánime da Corporación, como tamén a terceira das mocións do BNG, a relativa á reapertura do Xardín do Observatorio, defendida por Mercedes Queixas.

No limiar da súa intervención, Queixas rendeu tributo á incansábel loita da asociación veciñal da Agra na reivindicación de zonas verdes -nomeadamente dun Parque da Agra digno de tal nome- para un barrio que historicamente ten sido albo dun urbanismo depredador.

Captura de pantalla 2023-11-09 132332
Avia Veira rendeu tributo á veciñanza da Agra

Lembrou a concelleira do BNG que no pasado mes de marzo, en vésperas das municipais, a alcaldesa anunciou un convenio coa AEMET e a reapertura inmediata do Xardín do Observatorio, fechado en 2020 con motivo da pandemia e non aberto ao público desde aquela.

Mais 8 meses despois, nada se fixo para reabrir o xardín e as tarefas pendentes son ben coñecidas: derrubar os muros da Canceliña e Gregorio Fernández, acondicionar o espazo e construír un valo interior para delimitar o espazo da delegación da AEMET e a zona verde.

 

 

 

.

 

 

O Pleno de novembro aproba as tres mocións do BNG, dúas delas por unanimidade