As obras de remodelación nas Ánimas, outro agasallo que beneficia a Copasa

As obras de remodelación nas Ánimas, outro agasallo que beneficia a Copasa

A Coruña, 5 de setembro de 2014.- A contratación das obras comprendidas para a remodelación do tramo das Ánimas, aprobada hoxe na Xunta de Goberno Local, non deixa de ser unha actuación que constitúe un novo agasallo a COPASA por valor de 464.535,50 €, tendo en conta que é a única beneficiaria desta obra. Trátase da execución dunha glorieta nunha zona verde, que incumpre o Plan Especial do Porto e que se fai ao abeiro dun convenio de 1997 que non ampara esta actuación.

Unha nova glorieta en zona verde, incumprindo o Plan Especial do Porto

A actuación, acordada hoxe en Xunta de Goberno Local, consiste nunha glorieta (zona das Ánimas-Castelo de Santo Antón) para substituír a intersección actual entre o Paseo Marítimo e o Paseo do Parrote, incluíndo a demolición das vías do antigo tranvía entre outras cousas.

Mais a execución desta nova glorieta, e a parte máis próxima dos ramais de acceso, faise precisamente sobre unha zona verde, incumprindo o sistema viario estabelecido no Plan Especial do Porto, que califica a zona verde triangular ELV (Espazo libre anexo ao viario).

O propio informe de supervisión do proxecto, de 4 de agosto de 2014, así o recoñece no seu apartado relativo a “demoliciones y movimiento de tierras”, declarando o seguinte:

“La nueva glorieta y la parte más próxima de los ramales de acceso se construyen sobre una zona verde, por lo que es necesario ejecutar el paquete de tierras y firme completo”

Unhas obras que se fan ao abeiro dun convenio que non cobre legalmente esta actuación

A titularidade dos terreos nos que está proxectada esta obra aprobada en Xunta de Goberno Local corresponde a Autoridade Portuaria da Coruña, razón pola que esta actuación do Goberno Local só se pode facer ao abeiro dun convenio que así o permita. Mais isto non sucede no caso concreto desta actuación, dado que Concello da Coruña e Autoridade Portuaria se remiten a un convenio do ano 1997 (convenio para la restauración de las murallas y adecuación del entorno), que non ampara esta actuación.

E non ampara estas obras, dado que este convenio se refire unicamente á asunción polo concello de funcións tales como limpeza, iluminación pública, xardinaría e mantemento das infraestruturas, así como a vixilancia e a regulación do tráfico e instalacións de seguridade. En virtude deste convenio, o Concello da Coruña só se fai cargo da conservación e mantemento das infraestruturas, pavimentos e instalacións de calquera clase, así como a regulación do tráfico e a conservación das instalacións de seguridade e regulación do mesmo.

Noutras palabras, en ningún caso o Concello da Coruña pode asumir un gasto na modificación do sistema viario, violentando a ordenación do sistema viario do Plan Especial do Porto, cuxa finalidade non é a protección da muralla senón, unicamente, mellorar os accesos ao aparcadoiro e viario soterrado do Parrote.

As obras de remodelación nas Ánimas, outro agasallo que beneficia a Copasa