Moi participativo o primeiro Fío Directo co BNG

Plano xeral do público, no primeiro #FíoDirectocoBNG, 22-6-2023.
Ateigado o patio interior da Fundación Luís Seoane

Abrimos este 22X, nun moi concorrido patio interior da Fundación Luís Seoane, o primeiro dos encontros abertos á veciñanza que, baixo o nome xenérico Fío Directo co BNG, imos realizar con carácter periódico ao longo deste novo mandato en María Pita. O acto foi moi participativo, con moitas achegas e propostas por parte do público asistente.

 

Moi participativo o primeiro Fío Directo co BNG

Dúas ideas ficaron ben claras durante o acto: que o BNG vai ser durante este mandato, como adoita ser en calquera institución representativa, terminal política en María Pita de todo aquilo que se move pola base da sociedade e que o Bloque emerxe, despois do 28X, como forza determinante e decisiva no Concello.

Carme López, Federación Galega Enfermidades Raras, no primeiro #FíoDirectocoBNG, 22-6-2023.
Carme López, de Fegerec, achegou a súa visión a este encontro aberto

No acto estiveron presentes e tomaron a palabra representantes de entidades como as asociacións veciñais do Birloque e Monte Martelo, a Liga Reumatolóxica Galega, a Federación Galega de Enfermidades Raras, os comités de empresa de Nostián e das conserxarías das instalacións deportivas municipais, a asociación cultural O Facho, o Proxecto Escoita, a comunidade de veciños das Vivendas de Franco, Defensa do Común, a USO da concesionaria de limpeza viaria, as e os veciños da Agra dos Mallos.

Amar Basic, Proxecto Cidade, no primeiro #FíoDirectocoBNG, 22-6-2023.
Amar Basic, do Proxecto Cidade, foi unha das persoas que tomou a palabra

Escoitáronse avaliacións do proceso de negociación habido co PSOE por volta do Acordo de Investidura, mais sobre todo as persoas que pediron a palabra fixérono para lle trasladar ao BNG as súas visións sobre tarefas pendentes a impulsar desde o Concello.

 

Keina Espiñeira, Mercedes Queixas, Francisco Jorquera, Avia Veira, David Soto, no primeiro #FíoDirectocoBNG, 22-6-2023.
Keina Espiñeira, Mercedes Queixas, Francisco Jorquera, Avia Veira e David Soto, no primeiro #FíoDirectocoBNG

"Centramos moito este acto en trasladarvos a nosa valoración do que deu de si a negociación co PSOE porque é o que agora toca, a nova Corporación está aínda comezando a funcionar, mais a nosa vontade é que estes acordos sexan periódicos, que nos permitan ter unha interacción permanente convosco, para recollermos as vosas suxestións e propostas, visando que o BNG sexa unha ferramenta útil para os vosos anceios, as vosas demandas, teren reflexo na política municipal", afirmou, na intervención que puxo ramo ao acto, o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera.

 

Moi participativo o primeiro Fío Directo co BNG