Un Fío Directo moi participativo, como o foi o proceso de elaboración das propostas do BNG para os orzamentos 2024

Ignacio Sota, David Soto, Francisco Jorquera e Mercedes Queixas na segunda entrega do Fío Directo co BNG, sobre o Acordo de Orzamentos 2024.
Ignacio Sota, David Soto, Francisco Jorquera e Mercedes Queixas, na segunda entrega do Fío Directo co BNG, sobre o Acordo de Orzamentos 2024.
A segunda edición do Fío Directo co BNG, realizada o venres 15D no salón de actos da ONCE, foi un acto público moi participativo, con numerosas intervencións no coloquio posterior á intervención de Francisco Jorquera.
Un Fío Directo moi participativo, como o foi o proceso de elaboración das propostas do BNG para os orzamentos 2024

A participación foi a nota dominante da segunda entrega do Fío Directo co BNG, os encontros co tecido cívico da Coruña que inauguramos con aquel acto sobre o Acordo de Investidura. Houbo moitas peticións de palabra por parte do público, a abordaren a práctica totalidade dos problemas, e das arelas, da nosa cidade: desde a situación dos barrios até aspectos relativos ás políticas de mobilidade, vivenda, comercio, turismo, deportes, cultura...

En realidade, foi tan participativo este encontro como o proceso previo á propia negociación dos orzamentos. Boa parte das propostas feitas polo BNG nas conversas co Goberno Local -e que finalmente se van incorporar ás contas do Concello- foron froito da interlocución co tecido veciñal da cidade. Así o puxo en destaque Jorquera na súa intervención. "O Plan de Humanización e Investimento nos barrios nace do diálogo que mantivemos coas asociacións veciñais e demais entidades sociais", resaltou.ç

E que garantías ten o BNG de que o Acordo se vaia cumprir? Pois a principal, remarcou Jorquera, "é que o BNG vai ser decisivo ao longo do mandato”. "E desde logo", dixo a seguir, "nos imos asinar novos acordos mentres non se cumpriren os xa asinados".

Fío Directo co BNG. Jorquera. Acordo orzamentos do Concello para 2024.
Jorquera, durante a súa intervención

O portavoz nacionalista debullou os trazos básicos das contas negociadas polo BNG co Goberno Local: “É un bo acordo e serán uns bos orzamentos para A Coruña. Unhas contas congruentes coas nosas prioridades”, salientou Jorquera. Son, por tanto, uns orzamentos sociais -co impulso do Plan de Inclusión Social-, uns orzamentos expansivos -os máis elevados da historia, cun incremento de 21% a respecto dos anteriores e cun capítulo de investimentos que se vai até os 93 millóns_, uns orzamentos comprometidos coa defensa do dereito á vivenda -coa conversión de EMVSA nunha verdadeira empresa pública de vivenda_, uns orzamentos que avanzarán cara unha mobilidade sostíbel e unha cidade accesíbel -co estudo do modelo de xestión do transporte público urbano e coa ampliación de horarios e intensificación das frecuencias dos buses, uns orzamentos comprometidos co medio ambiente -co novo contrato de Nostián no horizonte e a elaboración dun Plan Metropolitano de xestión do ciclo da auga-, uns orzamentos que velarán pola cultura e o deporte -con axudas á creación artística local e un Plan Director de Instalacións Deportivas_, uns orzamentos tamén comprometidos coa normalización da nosa lingua.

David Iglesias
David Iglesias, do Club do Mar, durante a súa intervención desde o público

Mais sobre todo, remarcou Jorquera, son “uns orzamentos comprometidos cos barrios”, cun Plan de Humanización e Investimentos, proposto polo BNG, que mellorará a calidade do espazo urbano, aumentará as zonas verdes, as áreas de xogo e lecer, asegurará a correcta limpeza e mantemento de rúas e prazas e ofrecerá solucións “á proliferación de fincas en estado de abandono”.

Mais o Acordo esténdese tamén a cuestións extraorzamentarias, entre as que salientou Jorquera o establecemento dunha nova negociación co Estado sobre o antigo cárcere, o impulso á creación dunha Área Metropolitana, ben como tamén a aposta por unha solución para a xestión dos terreos portuarios, acompañada de proposta dun novo convenio e da esixencia da condonación da débeda da Autoridade Portuaria derivada da construción do Porto Exterior.

Con todo, naturalmente se o BNG liderase o goberno da cidade “os orzamentos serían distintos”. “Mais toda negociación conleva buscar os puntos de encontro e, por tanto, a disposición a ceder polas dúas partes. No en tanto, o acordo ao que chegamos incorpora grande parte das propostas feitas polo BNG”, concluíu antes de dar paso ao coloquio.

 

 

Un Fío Directo moi participativo, como o foi o proceso de elaboración das propostas do BNG para os orzamentos 2024