O BNG lamenta que o Goberno municipal renuncie a presionar a Albada

O BNG lamenta que o Goberno municipal renuncie a presionar a Albada

A Coruña, 11 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira teime en renunciar a presionar a Albada para que cumpra os seus deberes tanto co servizo que se comprometeu a prestar, o da reciclaxe, como cos traballadores, que se viron na obriga de convocar unha folga logo de que a empresa anunciara recortes. As nacionalistas advirten de que o Goberno municipal prefire poñer en risco a saúde e o benestar da cidadanía en lugar de esixirlle responsabilidades á concesionaria municipal e lograr, así, a fin do conflito laboral creado por Albada.

As nacionalistas sinalan que os traballadores da planta de Nostián fixeron pública unha realidade que o BNG leva meses denunciando: a cantidade de lixo reciclada non chega ao 5% e o destino final da maior parte dos refugallos é o vertedoiro ou a incineración. Por iso, o Grupo Municipal do BNG considera un saqueo e unha estafa social o servizo de reciclaxe. A cidadanía está a pagar por un servizo que non se está a prestar. Por iso, o BNG pedirá que Albada resarza o Concello e a veciñanza, á que lle está a cobrar de xeito indebido a taxa do lixo. De feito, a empresa rexistrou un aumento na facturación do canon do lixo en máis de 100.000 euros no primeiro trimestre do ano.

O Grupo Municipal do BNG chama a atención coa actitude cómplice do Sr. Negreira con Albada. Xa se puxo de manifesto esta connivencia cando lle impediu, e segue a facelo, o acceso das concelleiras nacionalistas á planta de Nostián e tamén cando impediu, até en tres ocasións, que o BNG tivese acceso ao resultado da auditoría técnica e económica de Albada. Demóstrase que o Goberno do Sr. Negreira prefire seguir ocultando o evidente: que en Nostián non se recicla, e mentres, avoga por negociar coa concesionaria municipal pola porta de atrás.

O BNG lamenta que o Goberno municipal renuncie a presionar a Albada