O BNG denuncia que o STL leva a cabo unha "folga encuberta" no servizo de recollida de lixo

Captura de pantalla 2024-02-08 135928
Dous días sen recoller no Barrio das Flores
O Grupo Municipal do BNG denuncia que o STL está levando a cabo unha folga encuberta no servizo de recollida de lixo na Coruña. Esta situación está a provocar que en distintos barrios da nosa cidade non se recollese o lixo dende hai tres días e volva haber numerosos contedores totalmente desbordados.
O BNG denuncia que o STL leva a cabo unha "folga encuberta" no servizo de recollida de lixo

O BNG ten denunciado en múltiples ocasións os incumprimentos reiterados nas condicións da prestación do servizo pola até agora concesionaria, sen que o Goberno local teña imposto as penalidades pertinentes.

“A todo isto” -salienta o noso portavoz no Concello, Francisco Jorquera,  “súmanse as prácticas chantaxistas dun determinado grupo que segue recorrendo á realización de folgas encubertas como mecanismo de presión para manter o seu control sobre os criterios de contratación do persoal e a súa promoción interna”.

É por isto que o BNG lembra, máis unha vez, que os criterios de contratación do persoal e de promoción interna non son competencia dun grupo, senón da aínda concesionaria do servizo, e é deber do Concello velar pola equidade e transparencia non criterios de contratación.

Por iso instamos o Goberno local a que dea cumprimento á moción que, a iniciativa do BNG, foi aprobada por unanimidade no último pleno do Concello.

Nesta moción, entre outras cousas, emprazábase o Goberno local a que nos servizos de limpeza e recollida do lixo, en tanto non se producir a reordenación dos contratos, se vixíe de xeito estrito o cumprimento por parte da concesionarias das condición estabelecidas para a súa prestación, impoñendo as penalidades pertinentes ante os incumprimentos que se constaten.

Igualmente, urxíase o Goberno Local a que dese cumprimento ao compromiso estabelecido no acordo de investidura de abrir un proceso de investigación para determinar se as empresas concesionarias dos servizos de limpeza e recollida de lixo se inhibiron das súas responsabilidades no que ten a ver coa política de contratación e promoción do persoal.

Por último, a moción pedía que, no marco da anunciada reordenación dos contratos de medio ambiente, se estabele unhas condicións que dunha vez por todas permitan resolver os graves problemas estruturais enquistados nestes servizos.

 

O BNG denuncia que o STL leva a cabo unha "folga encuberta" no servizo de recollida de lixo