JORQUERA, EN CONFERENCIA DE PRENSA: "AS NEGOCIACIÓNS AVANZAN E OXALÁ NOS VINDEIROS DÍAS POIDAMOS AMPLIAR ESTA INFORMACIÓN"

80 propostas para o Concello ter en 2024 uns bos orzamentos

Conferencia de prensa BNG Jorquera sobre as nosas propostas para os orzamentos do Concello 2024.
Un momento da conferencia de prensa
A Coruña necesita uns novos orzamentos -foi un erro prorrogar os de 2022-, mais non lle vale calquera cousa.
80 propostas para o Concello ter en 2024 uns bos orzamentos

“Aínda que A Coruña necesita novos orzamentos, loxicamente non vale calquera orzamento. A Coruña necesita uns bos orzamentos”, resaltou, en conferencia de prensa, o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen se referiu nestes termos ás conversas en marcha co Goberno Local para dotar o Concello dunhas novas contas para 2024: “As negociacións avanzan e oxalá nos vindeiros días poidamos ampliar esta información. Queremos que os orzamentos entren en vigor o 1 de xaneiro, mais o obxectivo prioritario non é telos canto antes, senón que sexan uns bos orzamentos”.

E con tal fin o BNG, anunciou, tenlle trasladado ao Goberno Local “un documento base para negociar que contén máis de 80 propostas”, co acento posto, resaltou, na necesaria “rexeneración e revitalización dos barrios”.

As 80 propostas do BNG visan fortalecer dous eixos básicos: o social -destinado a reforzar os servizos e prestacións municipais- e o económico -incrementando o investimento “como elemento de dinamización económica e xeración de emprego”.

Como facelo? Pois necesariamente mediante uns “orzamentos expansivos”, para o cal é necesario “operar tamén sobre os ingresos”, a actualizar taxas e impostos e a estudar tamén “a implantación no futuro de novas medidas en materia fiscal guiadas sempre por criterios de xustiza social”.

Conferencia de prensa propostas BNG para os orzamentos do Concello 2024. Francisco Jorquera.
Jorquera a atender os medios

Nese sentido, avanzou que o BNG é partidario de revisar as taxas das vivendas de uso turístico, ben tamén como de establecer unha Taxa Amazon e gravar igualmente aquelas vivendas que fican longo tempo baleiras sen se pór en venda ou sen se ofertar en aluguer.

Os recursos que se precisan para elaborar eses orzamentos expansivos han de vir tamén dunha “operación de crédito que permita financiar os investimentos”. “O nivel de endebedamento do Concello é obxectivamente baixo, non está en perigo a sustentabilidade das súas finanzas”, resaltou Jorquera.

A proposta do BNG sobre a que puxo unha maior énfase Jorquera foi a da elaboración dun Plan de Rexeneración e Revitalización dos Barrios que vise a humanización do espazo público -incrementando e mellorando as prazas e corredores peonís, as zonas verdes, os espazos de xogos e lecer-, con achegas novidosas como programas de mellora das áreas para a infancia e a mocidade, con zonas cubertas nos distintos barrios da cidade.

A outra prioridade do BNG ten a ver coa vivenda. A pesar de ser a Xunta quen ostenta a maior parte das competencias na materia, o Concello si pode despregar políticas positivas con reflexo orzamentario, tales como a ampliación da bolsa de vivendas para ofertar en aluguer a prezo taxado, a promoción municipal de vivenda en aluguer, a posta en marcha dun servizo de asesoramento de inquilinos, a elaboración dun plan específico para os edificios en ruínas e o impulso á rehabilitación.

Concesións en precario

Os orzamentos tamén teñen que dar resposta “á situación de moitas concesións de servizos municipais que se están a prestar en precario·”, subliñou Jorquera, quen a seguir se referiu á planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Nostián -cuxo contrato caducou en decembro de 2019- ou ao inminente fin da concesión do transporte público urbano.

Sobre Nostián, Jorquera salientou que “é imprescindíbel garantir a súa conversión nunha verdadeira planta de reciclaxe e compostaxe, asegurando a fabricación dun compost de calidade, a drástica redución da porcentaxe de refugallos e o seu tratamento co menor impacto ambiental·”. E canto ao transporte público urbano, resaltou que “A Coruña ten que avanzar cara á un novo modelo de mobilidade e para iso nos orzamentos ten que haber dotación suficiente para o estudo do modelo de xestións, de modo a asegurar a ampliación de horarios e intensificación das frecuencias”.

Naturalmente, o documento das 80 propostas do BNG contempla tamén moitas medidas en materia de mobilidade, medio ambiente, dinamización económica, emprego, lingua, servizos sociais, igualdade e participación, infancia, mocidade, ensino, cultura, ou deporte.

“Mais hoxe simplemente queremos trasladarvos unha síntese”, díxolles Jorquera aos medios, “dos criterios que ao noso xuízo son básicos para chegar a un bo acordo orzamentario”.

Non quixo ser máis preciso o portavoz nacionalista porque, remarcou, o BNG desde o principio “optou pola discreción na negociación co Goberno Local”. “Como dixemos no último Pleno, o xeito máis serio de negociar é non converter a negociación nun espectáculo, sendo discretos mentres duren as conversas, para despois, iso si, dar conta con toda transparencia do resultado”, concluíu.

 

80 propostas para o Concello ter en 2024 uns bos orzamentos