15.754 razóns para dar as grazas, 15.740 votos que fan do BNG a forza determinante no Concello

20230528_225418
Un momento da festa na sede do BNG
15.754 votos emitidos polas coruñesas e os coruñeses fan do BNG a forza política que aumentou máis en apoios, en termos relativos e absolutos, nestas eleccións municipais. Son 15.754 razóns para dar as grazas ás coruñesas e os coruñeses que nos deron o seu apoio este 28M. Desde logo, traballaremos arreo para estarmos á altura desa confianza.
15.754 razóns para dar as grazas, 15.740 votos que fan do BNG a forza determinante no Concello

15.754 votos emitidos polas coruñesas e os coruñeses fan do BNG a forza política que aumentou máis en apoios, en termos relativos e absolutos, nestas eleccións municipais.

Francisco Jorquera, Avia Veira, Mercedes Queixas e David Soto son as e os novos concelleiros electos do BNG en María Pita.

“Destas eleccións sae un BNG moi fortalecido e nas mellores condicións para liderar a cidade máis cedo que tarde”, proclamou Jorquera en declaracións aos medios na sede do Bloque na Rúa das Donas, tomada por unha militancia nacionalista que recibiu entre vítores e aplausos o noso candidato á Alcaldía. “Quero en primeiro lugar agradecer profundamente o apoio ás coruñesas e coruñeses que nos deron a súa confianza, e tamén á militancia do BNG polo seu inmenso traballo durante a campaña”, dixo.

20230528_225308
Francisco Jorquera, Mercedes Queixas, David Soto, Avia Veira.

“O avance do BNG prodúcese nun contexto de avance xeral na comarca e no conxunto do país, no que acadamos uns resultados históricos, quer en número de votos quer de concelleiras e concelleiros”, afirmou Jorquera, para quen “xa non hai dúbida de que a alternativa ao PP na Galiza ten un nome, o do BNG”.

Entre berros de “alcalde, alcalde!”, Jorquera considerou que “en termos políticos, o gañador destas eleccións foi o BNG. Duplicamos os votos. Duplicamos a representación na Corporación. Somos con diferenza, en termos proporcionais e relativos, a forza que máis incrementa os seus apoios”.

Os máis de 15.000 votos das coruñesas e coruñeses atribúen ao BNG “o rol de forza determinante na vida municipal da Coruña para os vindeiros catro anos”, subliñou. “E, por suposto, tende a seguridade de que imos facer o posíbel para estarmos á altura da grande responsabilidade que nos encomenda a veciñanza da cidade”, engadiu.

Este 28M debuxa un escenario, analizou, “no que ningunha forza política tivo os votos necesarios para por si soa garantir a gobernabilidade”, polo que se abre necesariamente un período de diálogo no seo da Corporación. “Actuaremos, como sempre, con responsabilidade, pondo sempre os intereses das coruñesas e dos coruñeses por diante”, remarcou.

20230528_224835
Jorquera atende os medios na sede do BNG

O BNG actuará tamén “coa máxima esixencia”, avanzou, nomeadamente porque do resultado das eleccións non se pode inferir un refrendo do electorado á xestión do Goberno Local. “Case 7 de cada 10 votos emitidos polas coruñesas e os coruñeses foron a opcións distintas á do partido que deu soporte ao Goberno Local durante este mandato”, dixo.

Para Jorquera, é “imprescindíbel” imprimirlle un “cambio de rumbo” á acción do Goberno Local “en moitos aspectos”. “E ímonos empregar a fondo para facer posíbel esa mudanza”, engadiu.

Unha vez expresada a vontade popular, correspóndelle a cada forza que valore “con calma e tranquilidade” o novo escenario político. “Temos que agardar á proclamación definitiva dos resultados por parte da Xunta Electoral. A partir de aí, chegará o momento de falar. Desde logo seremos esixentes. A Coruña merece moito máis do que tivo durante estes últimos catro anos”, concluíu.

 

15.754 razóns para dar as grazas, 15.740 votos que fan do BNG a forza determinante no Concello