O BNG pide explicacións diante das graves irregularidades dun programa municipal de emprego

O BNG pide explicacións diante das graves irregularidades dun programa municipal de emprego

Carlos Negreira xunto a Julio Flores e Ana Fernández.

A Coruña, 22 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de exixirlle explicacións ao Goberno do Sr. Negreira dadas as escandalosas irregularidades do programa da Concellaría de Emprego e Empresa “Posto a Posto”. E é que a CIG vén de presentar perante a Inspección de Traballo unha denuncia co fin de que se abra unha investigación en relación a este programa do Goberno do Sr. Negreira unha vez que tivo coñecemento de que as persoas participantes do programa se ven obrigadas a cubrir gratuitamente as baixas laborais e mais as vacacións en empresas multinacionais en condicións precarias e a través de Empresas de Traballo Temporais (ETT).

As nacionalistas aluden na iniciativa ao caso de Carrefour onde a través da ETT Adecco tiveron contratadas 9 persoas deste programa municipal durante 15 días e a media xornada sen percibir nin un só céntimo. Así, grazas ao Goberno do Sr. Negreira, esta multinacional puido dispoñer de repoñedores e repoñedoras gratuítas para cubrir as baixas e as vacacións do seu persoal. O Grupo Municipal do BNG sinálalle ao Goberno do Sr. Negreira que non lle valen as escusas da suposta alta inserción do programa, posto que estas persoas xa foron advertidas no primeiro día de que as súas posibilidades de conseguir un traballo en Carrefour eran nulas.

A –26ºC cunha camisola traída da casa e uns zapatos de seguridade rotos no primeiro día de traballo

Segundo denunciou a CIG, as condicións laborais destas persoas na multinacional son inhumanas, negándoselles acompañamento, os descansos dos que goza o resto do persoal e mesmo equipos de prevención de riscos laborais. O sindicato puxo o exemplo dun traballador que tivo que pasar a súa primeira xornada laboral no interior dunha cámara frigorífica a –26ºC coa roupa que traía da casa (unha camisola) e ao que ao día seguinte se lle entregou un fino peto vermello. Tamén puxo o exemplo dunha traballadora á que lle foron entregadas unhas botas de protección que perderon a sola o primeiro día.

Ante estas graves irregulidades, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do PP que pensa facer, se tiña coñecemento dos problemas que tiveron as persoas participantes cos equipos de prevención de riscos laborais, se sabía que se lles negaban descansos, polo sistema de supervisión do programa e polo número de visitas que teñen as persoas participantes para saber en que condicións están traballando. Tamén pregunta o BNG en que outras empresas traballaron as persoas participantes de “Posto a Posto” e se é consciente de que con prácticas coma esta o Concello da Coruña está a aprovisionar gratuitamente baixas e vacacións de persoal propio de empresas.

O BNG acusa o PP de cometer unha fraude ao utilizar programas coma este para retirar das listaxes do paro persoas desempregadas da cidade

O Grupo Municipal do BNG acusa o PP de cometer unha fraude ao utilizar programas como “Posto a Posto”, no que se gastan 240.000 euros, para maquillar as cifras do paro. E é que este o Goberno do Sr. Negreira se serve deste tipo de programas para retirar das listaxes do paro, a efectos estatísticos, persoas desempregadas da cidade e para presumir dos incrementos das cifras de contratación. De opoñérense a aceptar as condicións, as persoas participantes serían privadas dos subsidios que viñeran percibindo, polo que na práctica son obrigadas a traballar gratis.

 

O BNG pide explicacións diante das graves irregularidades dun programa municipal de emprego