agra-do-orzan
Parece que por fin se ve a luz ao final do “viaduto”

Parece que por fin se ve a luz ao final do “viaduto”

Felicitamos ao tecido asociativo e á veciñanza da Agra do Orzán pola aparente decisión do Goberno municipal de lle buscar unha alternativa ao viaduto da Rolda de Nelle

Mais lembramos que esta era unha das actuacións propostas, e que calculabamos en 50.000 euros, que foi excluída nas nosas emendas aos orzamentos municipais de 2018

A solicitude veciñal de dar unha alternativa a esta ponte remóntase a principios da década pasada e é unha demanda histórica da Asociación Veciñal da Agra do Orzán, que mesmo nós temos incorporado como unha iniciativa urbanística prioritaria nos nosos programas electorais de 2011 e 2015. Aledámonos de que por fin o Goberno da Marea Atlántica lle dea prioridade nas súas actuacións mais preguntámonos por que non se asumiu cando lla propuxemos a principio de ano e se estará realizada antes de fin de mandato

Ler nova
Queremos máis investimentos e máis actuacións na Agra

Queremos máis investimentos e máis actuacións na Agra

Recollemos na Agra do Orzán as demandas e reivindicacións da súa veciñanza

Fixemos esta mañá un percorrido polas rúas deste barrio no que puidemos comprobar a súa situación, participamos da veciñanza das necesidades de actuación inmediata e falamos con comerciantes e praceiras do mercado das Cunchiñas

Recomendamos ao Goberno municipal comezar a visitar máis os barrios e a facer menos publicidade. Na Agra, entre outras moitas actuacións, cómpre aumentar os investimentos e facer actuacións inmediatas nas rúas e nas prazas: sobre a accesibilidade, sobre a mobilidade, reposición e mantemento do mobiliario urbano, esixir que se cumpra o soterramento de cables co que ten que a ver ordenanza municipal de gabias, nas redes de sumidoiros, para a mellora das zonas infantís ou mesmo de apoio ao pequeno e mediano comercio, nomeadamente no mercado da Cunchiñas

Xa avanzamos que ao longo dos próximos días presentaremos unha batería de iniciativas para dar resposta a todas as demandas que hoxe nos trasladaron as veciñas e veciños do barrio

Ler nova