Imprimir

O PP segue bulándose do noso idioma

BNG da cidade da Coruña | 21 de abril de 2014

O goberno do Sr. Negreira nin sequera toma a serio os organismos creados polo Partido Popular para a promoción do idioma.

A representante do Concello da Coruña na Rede Galega de Dinamización Lingüística, a concelleira Ana Fernández, é a mesma persoa que manifestou no inicio da lexislatura que os actos culturais que se programaban na cidade eran “demasiado gallegos” e que a cultura “debe estar en un idioma que entiendas”

O Grupo Municipal do BNG denuncia que a actitude negativa e de falta de respeto do Goberno do Sr. Negreira sobre á lingua propia de Galiza é tal que nin sequera toma a serio os organismos creados polo Partido Popular para a promoción do idioma. 

Así a través dunha resolución de finais de xaneiro a tenente de alcalde de Servizos Sociais, Cultura, Educación e Deportes, por delegación da Xunta de Goberno Local, e tras o informe proposta da súa Xefa de Servizo, nomeouse a si mesma como representante do Concello da Coruña na Rede Galega de Dinamización Lingüística, en substitución do concelleiro de Educación Francisco Mourelo que ocupaba até esta data a representatividade. Tamén se designa como responsábel técnica neste organismo a Susana Martínez Portabales, xefa de servizo da Concellaría de Cultura.

No BNG salientamos o ton burlesco cara ao idioma desta designación por parte do Goberno do Sr. Negreira e así lembramos que foi esta concelleira a mesma que no seu día manifestou un desprezo pola cultura galega sinalando que os actos culturais que se programaban na cidade eran “demasiado gallegos” e que a cultura “debe estar en un idioma que entiendas”.

A Rede Galega de Dinamización Lingüística, á que se adheriu en marzo de 2013 o Concello da Coruña, foi creada polo Goberno da Xunta do Partido Popular en 2011 para, supostamente, potenciar o galego desde o eido local, tentando agrupar nela o maior número de concellos. A rede de dubidosa valía e funcionamento para o BNG, foi analizada e criticada polas persoas que traballan no eido da normalización, en concreto, pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CNTL).

O Goberno Local, subliña o BNG, alén de incumprir, de xeito sistemático, a lexislación vixente en materia de lingua e desmantelar todas aquelas pequenas actuacións minimamente consolidadas e encamiñadas a normalizar o galego, entre as últimas, que a primeira recepción e atención do servizo municipal telefónico 010 fose en galego, evidencia na súa actitude unha indiferenza total polo idioma de boa parte da veciñanza da Coruña que se suma a súa inacción e hostilidade nesta materia.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/outras-novas/pp-segue-bulandose-do-noso-idioma/20140421170639004929.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal