Imprimir

Mercedes Queixas Zas será a número 3 da lista do BNG ás municipais

BNG | 30 de Xaneiro de 2019

Mercedes Queixas Zas na asemblea local do BNG Coruña a semana pasada.
Mercedes Queixas Zas na asemblea local do BNG Coruña a semana pasada.

A escritora, académica, docente e activista a prol da lingua acompañará a Francisco Jorquera e Avia Veira á fronte da candidatura.

Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968), docente, escritora, académica na RAG, activista en prol da lingua e delegada sindical no ensino público, veciña dos Mallos, será a número 3 da lista do BNG nas eleccións municipais da Coruña. A candidatura de Queixas Zas para acompañar a Francisco Jorquera e Avia Veira ao fronte da lista a proposta do Consello Local foi ratificada a semana pasada pola Asemblea Local. Mercedes Queixas é secretaria xeral da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e membro do Consello Escolar Municipal. Licenciada en Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués pola UDC, exerce como docente en educación secundaria no ensino público galego desde 1996. 

 

“Acredito no traballo en equipo, espazo de saber para o encontro man a man e en común, que me aprendeu a priorizar a participación colectiva como ferramenta de avance para a mellora do benestar da sociedade. Por iso a miña traxectoria persoal e profesional sempre estivo vinculada ao traballo entidades de renovación pedagóxica (AS-PG), editoriais (Editorial Laiovento), sindicais (CIG-Ensino), colectivos en defensa da lingua galega (Mesa pola Normalización Lingüística, en rede de palabras e afectos, onde o diálogo é o río retroalimentador das persoas e dos proxectos, desde ProLingua, CTNL) e desde 2005 no consello directivo da AELG como Secretaria xeral”, escribe nun perfil persoal que se publicará proximamente na web de campaña do BNG Coruña.

 

Mercedes Queixas é ademais membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e mais da sección de Creación Literaria e Artística do Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/mercedes-queixas-zas-sera-numero-3-da-lista-do-bng-municipais/20190130105335008148.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal