PARTICIPACIÓN

O Goberno municipal ten tomada xa unha postura e renuncia a modificación do Regulamento de Participación

Fotografía dunha das reunións nos barrios que organiza o Goberno municipal baixo o formato "Dillo Ti"
Fotografía dunha das reunións nos barrios que organiza o Goberno municipal baixo o formato "Dillo Ti"

Lamentamos que o Executivo local persista na idea de crear os distritos unicamente sobre o mapa

O Goberno local debería afrontar de vez a reforma do Regulamento de Participación para dotar os distritos de atribucións, funcións e competencias concretas e convertelos en estruturas con capacidade de decisión que supoñerían unha verdadeira participación do pobo nos asuntos públicos

O empeño de crear distritos sobre o mapa da Coruña amosa a intención clara do Goberno da Marea de aparcar a reforma do Regulamento de Participación. Doutra volta, vai ser presentada mañá unha nova declaración de intencións, que de seguro irá acompañada de moita parafernalia pero que na realidade deixará aos barrios como estaban e sen avanzar en procesos de implantación de estruturas que garantan unha democracia real

O Goberno municipal ten tomada xa unha postura e renuncia a modificación do Regulamento de Participación

Tras a celebración esta mañá da Comisión de Participación e Innovación Democrática, na que se deu conta do informe final da configuración en distritos da cidade da Coruña, e que será presentado publicamente mañá, entendemos que o Goberno municipal ten tomada xa unha postura e renuncia definitivamente a unha fonda modificación do ROPC de Paco Vázquez.

E é que despois da presentación do traballo definitivo que fixo na reunión da Comisión, volvemos denunciar que realmente a creación sobre o plano das divisións da cidade en forma de distritos que formula o Executivo local é simplemente iso, divisións sobre un mapa da Coruña no que non se afrontan nin atribucións, funcións ou competencias concretas, que si se darían se se producira unha reforma do Regulamento Orgánico de Participación e se dotasen aos barrios dunha estruturas con representantes e capacidade de decisión, entendendo así que si se darían os pasos necesarios para dar lugar a unha verdadeira participación nos asuntos públicos.

Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación

Volvemos a falar sobre trazos, raias, lindes e fronteiras, pero non sobre órganos de representación, estruturas, dotacións ou capacidade de decisión. A participación non é trazar sobre un plano a división territorial do Concello, se un barrio pertence a un distrito ou a outro. Os distritos, para nós, só teñen encaixe se se fai unha fonda reforma do actual ROPC e se se dotan dunha estrutura integral, incluídas partidas orzamentarias para o seu traballo.

Deste xeito, consideramos como tempo perdido estes case xa dous anos desde que se comezara co proceso de conformación de distritos, un tempo ao noso xuízo irrecuperábel, e que ben podería ter sido empregado para ter xa feita unha proposta de reforma do regulamento de Paco Vázquez.

Asemade, tamén entendemos que todas as reunións realizadas e todas as actividades que mesmo se levaron polos centros cívicos só foron unha posta en escena publicitaria sen máis obxectivo de aparentar que se estaba a facer algo cando a realidade demostra a día de hoxe que se vai presentar un debuxo que será moi bonito, con cores e liñas, algo que nas fotos destacará pero que no día a día non suporá un cambio dos barrios.

O empeño de crear distritos sobre o mapa da Coruña amosa a intención clara do Goberno da Marea de aparcar a reforma do Regulamento de Participación. Doutra volta, vai ser presentada mañá unha nova declaración de intencións, que de seguro irá acompañada de moita parafernalia pero que na realidade deixará aos barrios como estaban e sen avanzar en procesos de implantación de estruturas que garantan unha democracia real, onde se podan debater sobre as súas necesidade, tomar decisións sobre que cuestións son máis importantes ou de onde realizar  os investimentos.

A Coruña, 27 de febreiro de 2017

O Goberno municipal ten tomada xa unha postura e renuncia a modificación do Regulamento de Participación