Imprimir

O BNG reivindica a "forza do feminismo" con actos en todas as comarcas

Bloque Nacionalista Galego da Coruña | 03 de Marzo de 2015

MULLER 1A Coruña, 3 de marzo de 2015- “A forza do feminismo” é o lema da campaña do Bloque Nacionalista Galego con motivo do 8 de marzo, unha campaña que foi presentada esta mañá ante os medios de comunicación na Coruña. As nacionalistas, que escolleron o Teatro Rosalía como lugar simbólico para dar conta dos actos que organizarán ao longo destas semanas por ser a escritora galega unha muller feminista, chamaron as galegas a se sumar ás actividades convocadas polo 8 de marzo como mostra de compromiso cos seus dereitos.

En declaracións aos medios, a parlamentar Carme Adán, acompañada da concelleira Avia Veira e da activista feminista e número 3 da candidatura BNG-Asembleas Abertas Marisol Mirás, puxo de manifesto os retrocesos que vimos sufrindo as mulleres. A nivel laboral, sinalou que o 75% dos empregos temporais son ocupados por mulleres e advertiu de que as mulleres para termos o mesmo salario que os homes temos que traballar 80 días máis ao ano. No que ten a ver coa fenda salarial, denunciou que segue a acrecentarse e salientou que en Galiza, amais de termos os salarios máis baixos do Estado padecemos a fenda salarial máis alta.

Non esqueceu Carme Adán a sangría da emigración. A parlamentar nacionalista tirou dos datos publicados pola Secretaría da Muller da CIG para destacar que só no 2014 máis de 17.000 mozas tiveron que emigrar, cifra que se suma ás 58.000 mozas que emigraron desde 2008. Engadiu a esta terríbel situación os graves recortes en materia de servizos sociais, nomeadamente, o aumento das taxas nas escolas infantís, o encarecemento do prezo dos comedores escolares ou o aumento do copagamento do pouco que resta da Lei da Dependencia. “Hai menos servizos sociais, son máis caros, hai máis emigración, hai menos emprego e o que hai é a tempo parcial e mal remunerado”, expuxo a deputada do BNG, quen engadiu que as mulleres “son as que pagan máis caro esta crise”.

A continuación, Carme Adán foi especialmente crítica co papel que está a desenvolver o Partido Popular nas institucións nas que goberna, ao tombar canta proposta presenta o BNG en busca dun plan de emprego feminino e polo dereito ao aborto libre e de balde na sanidade pública. Fixo fincapé en que o PP botou abaixo as últimas iniciativas do Bloque no Parlamento no ámbito da igualdade. Referiuse, en especial, á última proposición non de lei do BNG -rexeitada polo PP- que estaba destinada a incrementar a contía do “salario da liberdade” e a que as mulleres vítimas de violencia de xénero puidesen solicitar esta prestación en calquera momento do ano.

Na mesma liña, a concelleira Avia Veira lamentou que os edís do Partido Popular tombaran na Coruña as dúas mocións presentadas polo Bloque para conseguir un plan de emprego feminino e por un aborto libre e gratuíto tamén para as mozas de 16 e 17 anos. A este respecto, Avia Veira denunciou o “pouco que lle importamos as mulleres ao PP”, e isto, advertiu, a pesar de que os últimos datos do paro volven amosar que o desemprego incide máis nas mulleres. Así, das 22.274 persoas anotadas nas listaxes do paro, un total de 11.825 son mulleres.

O BNG organiza este sábado o acto nacional do 8 marzo

Pola súa banda, a activista e candidata do BNG-Asembleas Abertas Marisol Mirás anunciou a participación das nacionalistas na manifestación unitaria convocada polo feminismo galego este domingo en Compostela, con saída ás 12h da estación do tren.

As nacionalistas explicaron ante os medios de comunicación que o acto nacional do BNG con motivo do 8 de marzo terá lugar este sábado en Vigo (diante do mercado do Calvario) a partir das 11h, coas intervencións de Iolanda Veloso, Vitoria Iglesias, Carme Adán e Olaia Fernández e das escritoras Rosa Martínez, Cruz Martínez e Marta Dacosta, amais das que se quixeren sumar.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/outras-novas/bng-reivindica-forza-do-feminismo-actos-todas-comarcas/20150303144106005579.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal