Imprimir

O BNG pide o apoio do Concello á manifestación de SOS Sanidade Pública

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 05 de febreiro de 2020

Un aspecto dunha marcha de SOS Sanidade Pública
Un aspecto dunha marcha de SOS Sanidade Pública
O BNG vai defender no pleno deste xoves 6 de febreiro unha moción para demandar o apoio do Concello á manifestación que convoca SOS Sanidade Pública este domingo en Compostela.

A iniciativa, que será defendida no Pleno pola concelleira Avia Veira, ten como propósito que o Goberno Local esixa da Xunta de Galiza unha mudanza radical da súa política en materia sanitaria. Así, o BNG pide que cese o desmantelamento de servizos, andares e camas nos “hospitais da nosa área” e que se revisen os “concertos cos hospitais e clínicas privadas”, ben como tamén que se tomen medidas para lograr a redución das listas de espera ou o fin da precariedade laboral.

Ao mesmo tempo, a moción demanda do Goberno Galego que poña en andamento planos de mellora da atención primaria, da saúde mental e de atención á saúde das mulleres.

“Presentamos esta iniciativa co obxectivo de animar as coruñesas e os coruñeses a participaren na manifestación deste domingo, unha mobilización coa que queremos censurar as políticas privatizadoras e de recortes da Xunta de Feijóo en materia de Sanidade”, afirma Avia Veira, quen denuncia a sistemática externalización de servizos públicos, a derivación de pacientes a hospitais privados, o fechamento de 300 camas no Abente e Lago, a eliminación de servizos como o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo ou a existencia de centros de saúde na nosa cidade sen a necesaria atención pediátrica.

“Este domingo temos que lle dicir alto e claro ao señor Feijóo que coa nosa saúde non se xoga, conclúe.

 
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pide-apoio-do-concello-manifestacion-sos-sanidade-publica/20200205134153008470.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal