Imprimir

O BNG pedirá explicacións ao Goberno Local por recorrer a TRAGSA para o plan de limpeza

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 22 de abril de 2020

O grupo municipal do BNG vai demandar explicacións ao Goberno Local pola súa decisión de recorrer a TRAGSA para levar a termo actuacións dentro do Plan de Limpeza. Faise a través dun convenio coa Deputación sen concurso e despois de ter adxudicado o servizo de limpeza en febreiro pasado por 14,3 millóns de euros.

Jorquera avanzou unha valoración crítica desta decisión do Goberno Local, da cal en ningún momento se informou aos grupos municipais.

"O servizo de limpeza viaria está adxudicado desde o pasado 26 de febreiro á UTE FCC-Ingaser por un monto de 14,3 millóns de euros. No prego de condicións do contrato xa se debería ter previsto actuacións de urxencia, de maneira que non fose preciso recorrer agora a un convenio coa Deputación para botar man de TRAGSA", argumenta o portavoz nacionalista.

Ve reparos sobre a conveniencia desta actuación ao empregarse unha vía que esquiva o concurso e entende como excepcional o recurso a TRAGSA para a realización duns labores de limpeza que deberían ser asumidos directamente polos servizos ordinarios.

"Esta situación revela a precipitación e electoralismo do PSOE á hora de anunciar o plan de choque de limpeza durante a campaña electoral e a improvisación á hora de intentar materializar este compromiso", conclúe Jorquera.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pedira-explicacions-ao-goberno-local-ter-recorrido-tragsa-plan-limpeza/20200422140626008549.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal