Imprimir

Avia Veira interésase polo expediente da retirada a Manuel Fraga do título de fillo predilecto

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 10 de outubro de 2019

Avia Veira, durante un pleno.
Avia Veira, durante un pleno.
O Pleno do Concello da Coruña aprobou o 6 de maio de 2019 unha moción do BNG en que se instaba o alcalde [naquela altura Xulio Ferreiro] a que iniciase o procedemento para retirar a Manuel Fraga a distinción de fillo predilecto da cidade.

A moción, que tivo o apoio da Marea e do Grupo Municipal Socialista, fora presentada polo BNG e defendida no pleno por Avia Veira. Respondía a unha iniciativa dun grupo de persoas represaliadas pola ditadura. Este colectivo trasladou a proposta aos distintos grupos municipais. Entre eles foi só o BNG quen a fixo súa.

Agora Avia Veira diríxese ao goberno local para saber se, con efecto, a alcaldesa ten previsto dar cumprimento a ese acordo plenario e, consecuentemente, instruír un expediente que resulte na retirada da distinción a Fraga. A concelleira nacionalista quer saber que prazos manexa o executivo coruñés para materializar a resolución do pleno.

O acordo plenario non se refería só a Fraga (distinguido polo concello o 24 de decembro de 1968), senón tamén a Laureano López Rodó, a quen a Corporación outorgou o título de fillo predilecto o 15 de maio de 1972.

A moción do BNG pendente aínda de se levar a termo instaba tamén o goberno local a “retirar as diferentes honras e distincións a destacados alcaldes que participaron na sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936, xogan un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura”.

 


 
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/avia-veira-interesase-saber-goberno-local-retirara-fraga-distincion-fillo-predilecto/20191010120603008273.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal